O festival de homenaxe a Carlos O Xestal pecha as grandes actuacións do Verán Cultural
A actividade trasládase esta fin de semana ao litoral, coa Festa da Praia e a Festa do Naufraxio en Razo, a Festa do Berberecho en Imende, a Noite de Astronomía en Baldaio...
Xoves 17 de agosto do 2023 Cultura
Vai ser moi difícil superar o nivel do Verán Cultural 2023, porque en só dous meses reunimos en Carballo a Sés, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, De Vacas, Antía Muíño, Berto, o Mago Antón e Galeatro, celebramos seis proxeccións de cine ao aire libre e multitude de festas. E as que quedan!
Este venres 18 temos unha cita moi especial, porque o festival de música folclórica que tradicionalmente pecha o Verán Cultural intégrase na programación do Ano do Xestal para render homenaxe ao gran folclorista e humorista Carlos Díaz, O Xestal, do que celebramos o 90º aniversario do nacemento e o 30º do pasamento neste 2023.
O festival celebrarase, en principio, na Praza do Concello, a gran ágora na que un venres tras outro se veñen congregando centos de persoas, e na que tamén semana tras semana vén facendo acto de presenza a chuvia. Pero para mañá agárdanse precipitacións abondosas, polo que, de atinar a previsión, a celebración trasladarase ao auditorio do Pazo da Cultura.
O festival de homenaxe a Carlos O Xestal arrincará ás 21.30 horas coa intervención de Alba Bermúdez e Tone Martínez, de Galeatro, que exercerán como presentadores e animadores da velada. Ao longo da noite pasarán polo escenario a Banda Municipal de Gaitas, os grupos de música e baile tradicional das asociacións Nemeth e Arume de Verdillo, e o Coro Aires de Bergantiños, agrupación fundada por Carlos O Xestal e que, polo tanto, non podía faltar a esta cita anual.
Próximas actividades
Pero este Verán Cultural 100% galego non rematará aquí. Despois do éxito de Sica, que encheu este mércores o corredor central da Praza do Concello, volveremos a ter cine ao aire libre os días 23, en Cances, e 31, no barrio da Milagrosa. E tamén continuarán as actividades na beira do mar ata fin de mes, coa bibliopraia e outras propostas da Praia dos Libros, as saídas do programa Eu quero Razo-Baldaio e as festas!
Esta fin de semana coincidirán varias iniciativas: o sábado, a Festa do Naufraxio, organizada pola comisión de festas de Razo, e a Festa da Praia, unha proposta do programa Eu quero Razo-Baldaio para desfrutar en familia. A Festa da Praia arrincará a partir das 12.00 horas con xogos infantís, algúns en formato xigante, obradoiros de circo e de chapas e o regreso do Chef Solar, un espazo de exposición-demostración de distintos produtos feitos en cociñas solares que tivo moi boa acollida o ano pasado. Haberá modelos diferentes para introducir aos asistentes aos principios básicos da cociña solar e o seu manexo, ademais de realizar unha exposición sobre a cocción solar e de abrir as portas á reflexión sobre a crise climática, enerxética e social. E pola tarde, a partir das 17.00 horas, máis Festa da Praia con Circus Magnificus e o espectáculo O máis difícil todavía.
O sábado 19 tamén se celebrará outra actividade con moitísima aceptación, a Noite de Astronomía que forma parte do programa Eu quero Razo-Baldaio e que coordina a Agrupación Astronómica Coruñesa IO. As prazas xa se cubriron o primeiro día de inscrición.
E ademais da Noite de Astronomía, na zona de Baldaio tamén temos unha cita gastronómica, porque o sábado 19 celébrase en Imende (Noicela) a Festa do Berberecho, organizada pola ADCR Baldaio, con degustación a partir das 12.30 horas, música, sesión vermú e verbena. E para facilitar a asistencia haberá carpa e aparcamento de balde.