Cultura

Cultura

- 2024 +
- Novembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

O alcalde agasallou a Manuel Facal cunha reprodución do cartel que deseñou en 1987 para o Concurso de adquisición de pintura galega

O artista carballés máis internacional celebrou este 20 de xuño o seu 80º aniversario

Xoves 20 de xullo do 2023

Manuel Facal Ponte non é de festexar os seus aniversarios, pero aproveitando que o temos en Carballo non podiamos deixar pasar o día no que celebrou os 80 anos sen facerlle un agasallo. Neste 20 de xullo o alcalde entregoulle unha reprodución do cartel que deseñara o noso artista máis internacional para o I Concurso de adquisición de pintura galega convocado polo Concello no ano 1987 e fallado no 1988. Evencio Ferrero lembrou que naquel momento presidía a comisión de Cultura, e lanzou un convite á actual concelleira da área, Maruxa Suárez, para recuperar o certame.

Precisamente a foto de familia de hoxe puido facerse diante dunha obra de Antón Mouzo que ocupa un lugar destacado na Alcaldía e que fora premiada naquela primeira e única edición do certame, no que tamén resultaran gañadores Berta Cáccamo, Álvaro González de la Vega e Cruz Pérez Rubido. Un agasallo, polo tanto, que, como sinalou o alcalde, expresa “ou agarimo e o valor sentimental” e que serve de recoñecemento a un artista recoñecido internacionalmente, como é Manuel Facal.

Ademais de Maruxa Suárez, no acto celebrado hoxe tamén participaron a concelleira de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret; familiares de Manuel Facal e amigos como o escritor e editor Miguel Anxo Fernán Vello. Aínda que é un home de poucas palabras, o artista expresou o seu agradecemento e a “satisfacción polo interese amosado polo Concello cara a miña obra e a miña persoa”.

Facal é un artista con obra plástica nas áreas de gravado, pintura e escultura, cunha traxectoria e oficio de 50 anos. Esta mesma semana a Xunta de Goberno Local aprobou a sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello de Carballo e a Fundación Manuel Facal, constituída legalmente en agosto do ano pasado, para o outorgamento dunha subvención nominativa de 12.000 euros co obxectivo de financiar unha serie de actividades que se desenvolverán ata fin de ano, e que, tal como expresou hoxe o alcalde, “agardamos que sexan unha pedra máis neses camiño que hai que percorrer e que agora faremos conxuntamente”.

Compartir: