PRAZA DOS LIBROS 2023
María Lado será a pregoeira da PLIC, que volverá ao xardín municipal do 6 ao 9 de xullo
A escritora ceense foi autora da dramaturxia da obra do FIOT Fónico "O espello que arde", ambientada en Carballo
Martes 6 de xuño do 2023
Volve a PLIC, a renovada Praza dos Libros de Carballo, para encher de cultura o xardín municipal do 6 ao 9 de xullo. Este ano, a extensa programación que dará a coñecer a Concellaría de Cultura nos vindeiros días arrincará o xoves 6 co pregón da escritora María Lado Lariño (Brens-Cee, 1979). Á autora ceense debémoslle a dramaturxia de O espello que arde, unha obra de produción propia encargada polo Festival Internacional Outono de Teatro para o FIOT Fónico, que está ambientada en Carballo e foi estreada no 2021.
María Lado
A súa historia literaria comezou no seo do Batallón Literario da Costa da Morte, onde participou das tres antoloxías poéticas editadas do colectivo. Como poeta ten publicado seis libros individuais: A primeira visión (Letras de Cal, 1997), casa atlántica casa cabaret (Xerais, 2002), berlín (Concello de Santiago-El Correo Gallego-Aelg), Nove (Ed. Fervenza, 2008), Amantes (Ed. Caldeirón, 2011) e oso, mamá, si? (Xerais, 2015), escollido como mellor libro de poesía na I Gala do Libro Galego. Tamén é autora do conto para nenos Porque Cuqui non quere ir á lavadora (Apiario, 2014), da novela para público xuvenil Entre os dous hai un río (Ed. Elvira 2016) e do libro de poemas para crianzas 5 minutos (Auga Editora, 2017).
Textos seus foron traducidos e publicados para antoloxías ao castelán, portugués, catalán, ruso, croata e irlandés. Outros aparecen en discos como o CD Pensando Nelas, editado pola Universidade do País Vasco e o Centro de Estudos Galegos, o primeiro disco de Igmig, Shaishakarraskaishe, ou nos documentais Redeiras (X. H. Ribadulla Corcón) e Tecendo o fío da memoria (María Reimóndez). É guionista da radionovela Novembro, e tamén realizou a adaptación e dirección das versións teatrais de varios contos.
En ocasións tamén sobe ás táboas como actriz. En teatro traballou na montaxe Oeste Solitario, de Producións Teatrais Excéntricas, baixo a dirección de Quico Cadaval, e tamén é unha das actrices da película Kauflanders de Olaia Sendón. Ademais, dende o ano 2005 mantén coa poeta Lucía Aldao varios recitais escénicos baixo o nome Aldaolado.