Así foi a entrega de premios do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, que celebrou o seu 25º aniversario
A exposición das obras seleccionadas polo xurado está aberta ata o 31 de maio na Sala Alberto Gende do Pazo da Cultura
Venres 28 de abril do 2023 Cultura
“Estamos nunha sala na que hoxe se unen os nomes de dous carballeses, Alberto Gende e Xosé Manuel Eirís, que seguen nos nosos corazóns. E precisamente por iso ben está que ano tras ano sigamos lembrándonos desas persoas que tanto lle teñen aportado á arte e á cultura neste concello e neste país”. Con estas palabras, Evencio Ferrero pechou o acto de entrega dos premios do certame fotográfico que leva o nome de Xosé Manuel Eirís e que se celebrou este xoves 27 na Sala Alberto Gende do Pazo da Cultura.
Foi un acto especial, porque 25 anos non se celebran todos os días, e por iso non podían faltar nin o pastel nin as candeas de aniversario. Pero ademais houbo reivindicacións, como a que fixo Verónica Ramilo, gañadora do Premio especial Carballo, para animar ás mulleres a presentarse a este tipo de concursos. E mesmo houbo unha intervención inesperada, en inglés, do artista británico Fred Langford Edwards, afincado en Barizo (Malpica), que deu pé ao alcalde para manifestar o seu desexo de que o noso certame reciba tamén o recoñecemento internacional.
De esquerda a dereita, Xavier Ferrer, Miguel Gómez, Verónica Ramilo e Iago Pensado
Nesta edición do Xosé Manuel Eirís participaron 43 autores cun total de 101 obras, pero só catro foron as premiadas.
- Adoración da típula, de Iago Pensado Malleu, recibiu un accésit de 300 euros, que lle foi entregado por Pilar Eirís, irmá de Xosé Manuel Eirís. A familia do homenaxeado tamén estivo representada por Jesús, Feliciano e Pablo Eirís.
- En representación de Interfilm, patrocinador do Premio especial Carballo, Mónica Liñares fixo entrega dun cheque por valor de 500 euros a Verónica Ramilo Graña, pola fotografía O posto de Angelita de Lendo.
- O segundo premio, dotado con 750 euros e patrocinado pola Fundación Luis Calvo Sanz, foi entregado por Luciano Calvo ao seu gañador, o ourensán Miguel Gómez Muñiz, pola fotografía titulada La playa.
- Por último, o alcalde de Carballo entregou o primeiro premio, dotado con 1.500 euros, ao valenciano Xavier Ferrer Chust, que xa fora seleccionado no ano 2013, e que dez anos despois regresa a Carballo como gañador do XXV Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís pola imaxe titulada Díptico 678.
Podedes escoitar as súas intervencións no vídeo. E podedes ver tanto as fotografías gañadoras coma outras 25 seleccionadas polo xurado na exposición que está aberta na Sala Alberto Gende ata o 31 de maio, de luns a venres, de 17.00 a 21.00 horas.