O ACTOR MIGUEL CANALEJO PRESENTARÁ O CONCURSO
Nove comparsas e dúas carrozas, con máis de 300 integrantes en total, no regreso do concurso de Entroido
As inscricións nas modalidades individual e grupos aínda poderán facerse o mesmo domingo, de 16.00 a 17.00 horas
Sábado 18 de febreiro do 2023
Comparsa infantil gañadora do primeiro premio no 2020, última edición do concurso
Dúas carrozas, seis comparsas infantís e tres de adultos participarán este domingo 19 no tradicional desfile e concurso de disfraces organizado pola Concellaría de Cultura, que volve despois da pandemia. Entre estes 11 conxuntos superan as trescentas persoas, ás que se sumarán os participantes nas modalidades individual e grupos, que aínda poderán inscribirse antes do certame, de 16.00 a 17.00 horas, diante da casa do concello.
Nesta edición a contía dos premios é de 8.215 euros, dos cales destinamos case 4.000 € a gratificacións por participar (de 125, 200 e 250 euros), xa que un dos obxectivos principais do concurso é incentivar a participación. A parte restante distribuirase entre os 14 premios previstos. Os máis importantes son o de 700 € para a mellor carroza e o de 500 € para a mellor comparsa de adultos.
O desfile de todos os participantes comezará ás 18.00 horas. A comitiva sairá da rúa Cervantes por Gran Vía, Rosalía de Castro (infantil), Doutor Fleming (adultos), Valle-Inclán, Colón e Desiderio Varela, onde está instalado o palco, como de costume.
A presentación do concurso correrá a cargo este ano de Miguel Canalejo, actor de audiovisual e de teatro, e tamén director e guionista. Precisamente a semana pasada puidemos ver no Pazo da Cultura unha obra dirixida por el e na que tamén participa como intérprete, Arte sen guión, da compañía carballesa Galeatro. No ámbito audiovisual é coñecido pola súa participación e series como Serramoura ou Cuéntame, así como por formar parte do equipo de actores do popular programa da TVG Land Rober, onde amosa a súa faceta cómica. Gañou o Premio Mestre Mateo á mellor webserie 2021 con Xan (creada xunto a Lucía Estévez), Proxecto gañador do festival Carballo Interplay 2019.
Ademais da animación dos propios participantes no concurso, durante a tarde teremos tamén animación musical coa Charanga Santa Compaña. E despois do certame seguirá a música en directo no baile de disfraces organizado pola Concellaría de Terceira Idade, no que bailaremos ao son da orquestra Trébol e durante o cal se procederá á entrega de premios, tras as deliberacións do xurado.
Na organización do desfile e concurso do domingo de Entroido colaboran o servizo municipal e a agrupación de voluntarios de Protección Civil, a Policía Local, a brigada de obras e o servizo de limpeza.