O FIOT, Insignia Cultural de Galicia
Profesionais da cultura recoñecen ao Festival Internacional Outono de Teatro como o evento cultural máis importante do ano 2022 na comunidade autónoma
Mércores 1 de febreiro do 2023
O Festival Internacional Outono de Teatro - FIOT foi o evento cultural máis importante do ano 2022 na nosa comunidade autónoma, segundo a valoración dos profesionais do ámbito da cultura.
A prestixiosa Fundación Contemporánea vén de presentar o seu ránking anual, tras a consulta realizada a un panel de expertos de primeiro nivel. Nesta ocasión participaron 405 profesionais da cultura dos ámbitos público, privado e independente, e froito das súas valoracións coñecemos O mellor da cultura a nivel nacional e en cada unha das autonomías. O FIOT, que viña figurando ano tras ano entre os 10 proxectos culturais máis importantes de Galicia, acada nesta ocasión o primeiro posto, converténdose na Insignia Cultural de Galicia.
Deste xeito, o FIOT sitúase ao mesmo nivel que o Museo del Prado ou o Festival de Cine de San Sebastián, ou o Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro, que son as insignias culturais das súas respectivas comunidades autónomas.
O recoñecemento do FIOT resulta especialmente tamén relevante debido a que os/as integrantes do panel sinalan ata 10 institucións e acontecementos culturais como os máis destacados do ano de referencia, nunha consulta aberta na que non se aporta ningún nome. O festival carballés recibiu o apoio do 50% dos participantes, moi por riba do segundo clasificado, que obtivo un 30% de votos.
Por detrás do Fiot sitúanse outras destacadas iniciativas galegas como o Festival Sinsal de San Simón, a Cidade da Cultura de Galicia e Cineuropa ou o CGAC, o que dá mostra da altísima calidade das iniciativas valoradas polos expertos.
O Observatorio da Cultura pretende dar visibilidade a unha oferta cultural moi ampla, diversa e de gran calidade da que podemos gozar ao longo de todo o territorio estatal, e, nese sentido, tamén se pretende recoñecer o esforzo realizado por institucións, organizacións e profesionais para seguir producindo cultura mesmo en momentos de tanta dificultade como os vividos nos últimos anos.