ESTE MÉRCORES 18, CONFERENCIA DE ÁNGEL PEÑA NA PARROQUIA
Un total de 795 persoas visitaron no Pazo da Cultura a exposición de beléns do mundo “De Belén ao Finisterrae”
Teresa Lafragua e Xabier Santxotena, promotores da mostra, e o belenista Ángel Peña mantiveron hoxe unha xuntanza co alcalde
Martes 17 de xaneiro do 2023 Cultura
Imaxe da xuntanza celebrada hoxe na Alcaldía
Este Nadal puidemos viaxar De Belén ao Finisterrae a través de máis de douscentos beléns. Unha selección das máis de 2.500 pezas artesás que integran o Taller Museo Santxotena (Áraba), e que conforman unha das mellores coleccións de todo o estado, ocupou a sala de exposicións do andar -1 do Pazo da Cultura para ofrecernos unha mostra única, froito de máis de vinte anos de traballo de Teresa Lafragua e Xabier Santxotena para dar a coñecer a historia, a cultura e a etnografía dos pobos dos cinco continentes.
A exposición, que chegou por primeira vez a Galicia grazas á colaboración entre a área de Turismo do Concello de Carballo e a Deputación da Coruña, converteuse nun gran reclamo para as persoas afeccionadas aos beléns, moitas delas procedentes de distintos puntos da provincia e mesmo de Galicia. A mostra estivo aberta de luns a sábado, en horario de 16.30 a 20.30, dende o 14 de decembro ata o 16 de xaneiro, e visitárona un total de 795 persoas. O día de maior afluencia foi o 27 de decembro, con 107 visitantes.
Hoxe Teresa Lafragua e Xabier Santxotena mantiveron unha xuntanza co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, na que tamén participou Ángel Peña, doutor en Historia da Arte pola Universidade Autónoma de Madrid, especializado na investigación da imaxe relixiosa na Idade Moderna, o Nadal e o belén, que este mércores 18 pechará o exitoso paso da exposición por Carballo cunha conferencia titulada O belén, patrimonio inmaterial. O acto celebrarase ás 20.30 horas no salón de actos da parroquia, que colabora coa iniciativa.
Durante a reunión, Teresa Lafragua e Xabier Santxotena agradeceron a boa disposición de Xosé Regueira para traer a exposición a Carballo e a colaboración do Concello, e destacaron tamén a sensibilidade artística e cultural da veciñanza. Ademais amosáronse moi satisfeitos coa boa acollida da exposición e coas valoracións que lles trasladaron os visitantes cos que coincidiron no Pazo da Cultura. A súa estancia en Carballo permitiulles tamén establecer contactos con artesáns da contorna, que se sumarán á carballesa Marilá ou a talleres de Buño como O Rulo, Feituras, Olería Aparicio e O Falsete no Taller Museo Santxotena. A xuntanza rematou cun intercambio de agasallos.