"Novembro con música" convértese este ano nunha homenaxe ao violinista Eduardo Coma
O profesor do Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo faleceu horas despois da presentación do programa organizado pola Concellaría de Cultura
Mércores 9 de novembro do 2022 Cultura
Eduardo Coma, tocando no concerto de homenaxe a Juan Otero que se celebrou en maio
A música sufriu este mércores unha gran perda. O violinista Eduardo Coma (Cuba, 1967), profesor no Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo, faleceu 18 días despois de ingresar na UCI como consecuencia dunha parada cardio-respiratoria. Casualmente, horas antes de coñecer a triste nova, a Concellaría de Cultura daba a coñecer o cartel do clásico Novembro con música, un programa que conta sempre cun protagonismo especial do CMUS e que neste 2022 converterase nunha homenaxe ao extraordinario violinista que foi Eduardo Coma.
O propio Conservatorio Profesional de Música, xunto coa asociación cultural San Campio de Cances, a Coral de Bergantiños, o Casino 1889, a asociación cultural Lumieira e a Deputación da Coruña, colaborarán para iluminar coa luz da música esta triste xornada e os próximos días, os máis curtos do ano. Durante todo un mes, dende o 10 de novembro, ata que empece a minguar a noite e medrar o día, volve Novembro con música cunha oferta na que están representados estilos tan diferentes como o folk, o pop, a música clásica ou a coral, porque queremos chegar a todos os públicos. E tamén con esa finalidade, ademais de concertos e actuacións, a través da programación elaborada pola Concellaría de Cultura sairán á luz proxectos literarios e cinematográficos que nos amosarán outros xeitos de desfrutar da música. Esta é a proposta:
Venres 11 | 19.30 h | Biblioteca Rego da Balsa
Presentación do libro Cancioneiro de Buño, de Dolores Cancela Pérez. Coa participación de Xosé Antonio Andrade, Estevo Lista Cancela, Xosé Manuel Varela e Antonio Fernández. Entrada libre ata completar aforo.
Venres 11 novembro | 21.30 h | Centro social de Cances
XVI Live in Cances
Un clásico que ten lugar nesta parroquia carballesa e que vai pola súa 16ª edicición. O festival Live in Cances é un referente na música pop-rock dos grupos locais afeccionados. Nesta ocasión participarán Tu futura exmujer e Doctor Snob. Organiza a asociación cultural San Campio de Cances e colabora o Concello de Carballo. Entrada libre ata completar aforo.
Sábado 12 novembro | 22.30 h | Casino 1889
Fábrica de espejos
Banda luguesa nada en Chantada no 2017 que ofrece un particular son que eles mesmos denominan space pop, onde voces e palabras mestúranse cos instrumentos para formar un conxunto sonoro evocador. Organiza o Casino 1889. Venda de entradas no Casino 1889.
Venres 18 novembro | 21.00h | Pazo da Cultura
FAIA
FAIA presenta unha evolución do seu primeiro disco. Os ritmos e melodías tradicionais buscan outros camiños a través da voz, movéndose entre o íntimo, o que se di e o que se silencia. Aberta cara o experimental, a música atopa eco noutras disciplinas e dialoga nunha dimensión máis plástica. Como unha constante no seu traballo, a muller volve ser a protagonista, portadora dunha identidade rica, xenuína e diversa. Organiza o Concello de Carballo coa colaboración da Deputación da Coruña. Entrada libre ata completar aforo.
Sábado 19 novembro | 21.00 h | Pazo da Cultura
Sons de aquí
Retomamos a actividade de Sons de Aquí coa participación de grupos de asociacións de Carballo, coa vontade de gozar de pezas tradicionais da man de A. C. Nemeth, A. C. e X. Arume de Verdillo, Escola do Alprende de Oza, A. C. S. Campio de Cances e Coro Aires de Bergantiños. Organiza o Concello de Carballo coa colaboración das agrupacións musicais. Entrada libre ata completar aforo.
Xoves 24 novembro | 20.00 h | Biblioteca Rego da Balsa
Semente de berrar
Proxección do documental que revisa 40 anos de punk en Galicia. As tres ideas que bailan no proxecto, como explica o seu director, Iago Santás, son os 40 anos que hai que se produciu o nacemento do que se coñeceu como a "movida viguesa"; Galiza, porque é aí onde o queremos enmarcar, en grupos que son nosos; e, en terceiro lugar, reunir os sons que eran algo máis da rúa, nomeadamente o punk pero calquera subxénero que puidera nacer del. É dicir, dar unha vertente cronolóxica, unha vertente de país e unha vertente artística. Entrada libre ata completar aforo.
Venres 25 novembro | 20.00 h | Pazo da Cultura
Big Band do Conservatorio
A presenza dos alumnos e alumnas do Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo non pode faltar na programación de Novembro con Música. Entrada libre ata completar aforo.
Venres 25 novembro | 21.00 h | Biblioteca Rego da Balsa
Antía Muíño
A artista Antía Muíño presenta o seu disco, tras ser premiada como artista emerxente nos Premios Martín Códax. Organiza a asociación cultural Lumieira. Entradas á venda nas librarías de Carballo.
Sábado 26 novembro | 20.00 h | Pazo da Cultura
Festival de Santa Cecilia
A Coral Polifónica de Bergantiños retoma o tradicional concerto de celebración de Santa Cecilia acompañada por outras dúas agrupacións: Coral Polifónica de Mera e Coral Polifónica Estradense. Entrada libre ata completar aforo.
Sábado 26 novembro | 22.30 h | Casino 1889
Doctor Snob
Segunda oportunidade neste Novembro con música de escoitar a todo un clásico do rock coruñés, que leva máis de 30 anos sobre os escenarios, primeiro como Los náufragos e posteriormente co seu nome actual. Organiza: Casino 1889. Venda de entradas no Casino 1889. Aforo limitado
Venres 2 decembro | 20.00 h | Pazo da Cultura
Banda Municipal do Conservatorio de Carballo
Concerto da banda municipal, dirixida por Javier Bardanca. Entrada libre ata completar aforo.