Os Ratos de Lonxedetodo están de regreso en Carballo para inculcar na cativada a saudable afección pola lectura
Toma nota do programa e lembra que podes reservar praza dende o mércores anterior a cada función
Mércores 2 de novembro do 2022 Cultura
Os Ratos de Lonxedetodo están de volta en Carballo! Recibímolos hoxe con todos os honores e co auditorio da Biblioteca Rego da Balsa cheo ata a bandeira tanto na primeira coma na segunda funcións de Viaxe a Sudamérica, o divertidísimo espectáculo co que celebramos o regreso de Fuco, Lilí Gruyere e o resto dos nosos queridos amigos bigotudos.
Pero dende hoxe ata abril celebraranse un total de 22 representacións, dúas de cada un dos espectáculos programados. Este é o cartel:
- 2 de novembro: Viaxe a Sudamérica
- 16 de novembro: Contos de Perrault
- 30 de novembro: Rato canguro
- 14 de decembro: Cores e persoas
- 18 de xaneiro: De onde veñen os bebés? (e outras preguntas)
- 1 de febreiro: Animais do bosque
- 15 de febreiro: Unhas botas misteriosas
- 1 de marzo: O pequeno circo das mans
- 15 de marzo: Unha praia particular
- 29 de marco: Un invento para chegar ao ceo
- 19 de abril: Petits oiseaux (en galego e francés)
Os famosos e queridos ratiños de TrinkeTrinke Teatro convidarán aos nenos e nenas a percorrer as nosas tradicións, a respectar a diversidade, a loitar contra o cambio climático, a afrontar e resolver os problemas, a interesarse pola ciencia, a descubrir o grande que é o mundo e a aprender dos maiores, e todo iso a través dunha serie de espectáculos teatrais e musicais dos que, sen dúbida, a cativada desfrutará coma sempre.
Os espectáculos van destinados a nenos e nenas de 4 ao 8 anos. Como xa vén sendo habitual, haberá dúas funcións cada mércores: unha ás 17.00 e outra ás 18.30 horas. Os convites poderán reservarse dende unha semana antes chamando ao 981758580.