As bibliotecas de Carballo, no selecto grupo de bibliotecas da rede de Galicia cun nivel de calidade excelente
Hoxe, Día Internacional das Bibliotecas, celebramos tamén o oitavo aniversario da Biblioteca Municipal Rego da Balsa cun sorteo de lotes de libros
Luns 24 de outubro do 2022
Biblioteca Rego da Balsa
O espazo, o persoal, o horario, a dixitalización, a dinamización, a facilidade de acceso, a sustentabilidade, a atención á diversidade e a dotación orzamentaria son os indicadores que utiliza a Rede de Bibliotecas de Galicia para medir o grado de calidade dos servizos bibliotecarios que prestan os concellos. En Carballo acadamos a excelencia. As nosas bibliotecas forman parte dun selecto grupo no que unicamente figuran Oleiros e Vilagarcía entre os concellos similares ao noso en poboación; as cidades de Santiago e Ourense, e municipios máis pequenos, como Corcubión, o único da Costa da Morte xunto co noso.
Biblioteca da rúa San Xoán Bautista
O informe da Rede de Bibliotecas de Galicia sinal que as nosas bibliotecas destacan moi especialmente en canto ao espazo, o horario, a dixitalización, a dinamización, a facilidade de acceso, a sustentabilidade e a dotación orzamentaria, polo que, tal como indica o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, “seguiremos traballando para que acadar a excelencia en todos os indicadores tamén de xeito individual”.
Hoxe é o Día Internacional das Bibliotecas, e ademais en Carballo celebramos o oitavo aniversario da Biblioteca Municipal Rego da Balsa, polo que entre todos os préstamos que se realicen ao longo desta xornada realizaremos un sorteo dun lote de libros para nenos/as e outro para persoas adultas.
Nas nosas bibliotecas atoparás máis de 80.000 títulos de libros, sobre todo, pero tamén de publicacións periódicas e audiovisuais, e un fondo local integrado por 2.800 obras. Ademais, ofrecémosche 279 postos de lectura, 16 postos con ordenador e unha amplísima oferta de actividades. No ano 2021 realizáronse 147, nas que participaron máis de 5.200 persoas. O ano pasado había 10.697 veciños e veciñas de Carballo co carné das bibliotecas, pero a cifra non para de aumentar, e no que vai de ano xa se levan tramitadas máis altas que en todo o 2021. Na Biblioteca Rego da Balsa recibíronse o ano pasado un total de 40.865 visitas e realizáronse 26.576 préstamos, e pola Biblioteca da rúa San Xoán pasaron 15.229 persoas e realizáronse 3.224 préstamos.
Se queres máis información, achégate ás nosas bibliotecas!