Carballo celebra o 30º aniversario de Mofa e Befa coa estrea absoluta de "Pirolíticos", unha exposición e un mural
Esta fin de semana tamén tivo lugar no marco do FIOT31 unha emotiva homenaxe a Pedro Brandariz
Luns 3 de outubro do 2022 Cultura
Participantes na homenaxe a Pedro Brandariz
O sábado vivimos unha noite moi emotiva coa homenaxe a Pedro Brandariz. Na gala, conducida por Isabel Risco e Fran Rei, tivemos actuacións de moitos dos seus amigos da cultura. As fillas de Portaberta fixeron un espectáculo de danza; Antón Reixa, un recital poético; a improvisación chegou con Izquierdo Sisters e con Marta Iglesias, Tito Rober e Víctor Grande; Caxoto lembrou unha anécdota de Pedro…
Tamén vimos un breve documental sobre a webserie Mataría, dirixida por Javi Sega. E houbo música con Pablo Díaz e mesmo con Diana Sieira. Como dixo ela: “Sempre teremos na memoria a Pedro porque somos de Carballo”.
Presentación da estrea absoluta de "Pirolíticos"
E como somos de Carballo, este ano tamén queremos estar con Mofa e Befa no seu 30º aniversario. Celebrarémolo neste FIOT coa estrea absoluta de Pirolíticos, unha exposición e un mural que xa leva moi avanzado Yoseba M.P.
Así vai o mural que está pintando Yoseba M.P.
Este luns presentamos no Pazo da Cultura o espectáculo Pirolíticos, de Mofa e Befa e coproducido polo FIOT. Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo volven ao festival cunha divertida comedia que non perde a esencia do seu dúo artístico. Iso si, unha temática moi diferente: o feminismo e o impacto do patriarcado.
"O espectáculo está feito con forza e coa crenza de que o feminismo levará o mundo a ser mellor para mulleres e homes”, afirmou Evaristo Calvo na presentación, na que estivo acompañado polo concelleiro de Cultura, Marcos Trigo; o presidente da asociación cultural Telón e Aparte, e o director da Agadic, Jacobo Sutil. E tamén por Clara Gayo, directora e coautora do texto xunto a María Lado e Lucía Aldao, quen destacou que "foi un reto escribir sobre feminismo para dous homes. E tamén que a peza non perdera o espírito Mofa e Befa".
Se ti tes tantas ganas de ver o resultado coma nós, esta finde temos a estrea absoluta no #FIOT31.
- Venres 7: función incluída no bono de sala. Aínda podes mercalo bit.ly/bono-programasala-fiot31
- Sábado 8: entradas soltas bit.ly/fiot-piroliticos-sabado (presta atención porque probablemente haxa entradas para o venres na billeteira antes da función).