O FIOT avanza no seu compromiso coa creación escénica galega coa coprodución de ‘Wombo Combo’, o novo espectáculo da compañía carballesa Galeatro
O Pazo da Cultura acollerá o domingo 2 de outubro a estrea absoluta da peza, presentada hoxe
Martes 27 de setembro do 2022 Cultura
O Pazo da Cultura acolleu esta mañá a presentación de Wombo Combo, un dos dous espectáculos que o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) coproduce este ano e cuxa estrea absoluta terá lugar no marco da 31ª edición do certame carballés.
Alba Bermúdez, Tone Martínez e Mario Rodríguez son protagonistas deste espectáculo, dirixido por Davide González e que se enmarca tamén na programación especial dirixida á cativada: Fiotiño. Wombo Combo achéganos ao acoso escolar e á realidade virtual que invade cada vez máis a vida da rapazada a través da dramaturxia dunha autora que é todo un referente no teatro infantil e que posúe, ademais, o recoñecemento de Xograresa de Outono: Paula Carballeira
Paula Carballeira non puido estar hoxe en Carballo, pero si estiveron boa parte dos integrantes do equipo, entre eles Tone Martínez e Alba Bermúdez, que, moi emocionada, agradeceu unha e outra vez o apoio recibido dende o Concello de Carballo e a Concellaría de Cultura antes, durante e despois da pandemia para poder seguir creando e traballando polo teatro. Alba Bermúdez asegurou que, neste sentido, Carballo "é unha excepción" en Galicia, algo que quixo poñer en valor.
Na presentación desta nova co-produción do FIOT tamén participaron o presidente da asociación Telón e Aparte, Alberto Sueiro; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e o alcalde, Evencio Ferrero, que reiterou o compromiso do Concello de Carballo coa cultura e cos creadores e as creadoras locais.
A obra
Alba, Tone e Mario, protagonistas de "Wombo Combo"
Wombo Combo preséntanos a dobre vida de Sara, a protagonista. Unha delas, a “vida real”, é a que máis odia. Porén, a outra, a “virtual”, é a que goza, na que xoga en liña con ducias de persoas e é invencible nas súas loitas. En ‘Wombo Combo’, Galeatro pon sobre a mesa unha cuestión: “que pasa cando ese mundo virtual, atractivo e suxestivo, substitúe o real?”
A estrea absoluta de Wombo Combo, enmarcada no Fiotiño (a programación especial para fomentar o amor polo teatro nos máis pequenos) terá lugar na tarde do domingo 2, a partir das 18.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. As entradas para o espectáculo, recomendado para maiores de 5 anos, están dispoñibles a través da plataforma web www.ataquilla.com. Antes, nas mañás dos días 28 e 29 de setembro, o alumnado de primaria terá ocasión de gozar da preestrea da peza. En total, polo Pazo de Cultura de Carballo pasarán máis de 350 nenas e nenos de todos os centros escolares do concello.