Cultura

Cultura

- 2024 +
- Novembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

Carballo pon en valor a figura e a obra de Xesús San Luís Romero co gallo do 150º aniversario do seu nacemento

Máis de cen persoas asistiron este venres aos actos celebrados ao pé da casa na que naceu, na rúa da Saúde

Sábado 10 de setembro do 2022 Cultura

Coincidindo co 150º aniversario do seu nacemento, Xesús San Luís Romero volveu a ser protagonista en Carballo. Aínda que a súa presenza na nosa vila é permanente a través da rúa e do colexio que levan o seu nome, dende o Concello de Carballo queremos recuperar esta efeméride "tan redonda", como dixo o alcalde, para poñer en valor a súa figura e a súa obra cunha serie de actividades que se desenvolverán ao longo do curso en colaboración co CEIP Xesús San Luís Romero. A primeira tivo lugar este venres na rúa da Saúde, ao pé da casa na que naceu.

O colexio, que estivo representado no acto pola súa directora e outros membros do claustro, alumnado e familias, acolle xa unha exposición que fai un percorrido pola vida e a obra do ilustre dramaturgo e poeta. Evencio Ferrero destacou o gran traballo que se realiza no CEIP Xesús San Luís Romero, que ano tras ano é unha referencia polas numerosas iniciativas de promoción cultural que leva a cabo, e que este curso, sen dúbida, volverá a selo.

Con máis de cen persoas no público, sete minutos despois das oito da tarde deste venres empezou a soar a música alegre da Banda Municipal de Gaitas, dirixida por Suso Moreira, que interpretou dúas pezas para introducir a excelente intervención do cronista carballés Xan Fraga Rodríguez. "Setembro é o mes de Xesús San Luís Romero", dixo, porque naceu o 9 de setembro de 1876, casou o 8 de setembro de 1900 e morreu o 22 de setembro de 1966. 94 anos nunha época na que esperanza de vida roldaba os corenta, un dato que Xan Fraga aproveitou para unha brincadeira vinculando esa lonxevidade ao feito de ter nacido na rúa da Saúde.

Despois de facer un detallado e interesante repaso polos feitos máis destacados da longa vida de San Luís Romero e pola súa obra, Xan Fraga agradeceu a iniciativa do Concello de Carballo e fixo un chamamento á publicación das obras completas do autor.

O alcalde tomou a palabra de seguido para amosar a súa satisfacción por este «encontro da comunidade carballesa para lembrar a fillos ilustres», e lamentar que, por atoparse de viaxe, nesta ocasión non puidesen acompañarnos os familiares de San Luís Romero.

A celebración continuou cunha lectura dramatizada de varias escenas da obra máis coñecida de San Luís Romero, "O fidalgo", a cargo de Alba Bermúdez, de Galeatro, e Toño Casais, de Talía Teatro, dirixidos por Artur Trillo, director tamén da Aula de Teatro Municipal de Carballo. A actuación foi moi aplaudida polo público, así como o peche do acto por parte da Banda Municipal de Gaitas interpretando a Marcha do Antigo Reino de Galicia.



Galería

Compartir: