Cultura

Cultura

- 2024 +
- Novembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

VENRES, 9 DE SETEMBRO, ÁS 20.00 HORAS

O Concello de Carballo conmemora o 150º aniversario do nacemento de Xesús San Luís Romero

O colexio que leva o nome do autor carballés tamén organizará actos conmemorativos ao longo do curso

Martes 6 de setembro do 2022 Cultura

Este venres, 9 de setembro, conmemoramos o 150º aniversario do nacemento de Xesús San Luís Romero en Carballo. Será unha xornada moi especial con dous escenarios de celebración: o colexio que leva o seu nome e a rúa da Saúde, onde naceu no ano 1872.

No CEIP Xesús San Luís Romero poderá verse a partir do día 9 unha exposición sobre a vida e a obra do autor, aínda que esta será só a primeira dunha serie de iniciativas que se desenvolverán ao longo do curso escolar para reivindicar unha figura fundamental da literatura galega da época.

Os actos na rúa da Saúde, ao pé da casa onde naceu, comezarán ás 20.00 horas coa actuación da Banda Municipal de Gaitas. De seguido intervirán o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o historiador e cronista local Xan Fraga Rodríguez, que fará unha introdución sobre a figura de Xesús San Luís Romero e a súa obra poética e teatral. No mesmo lugar onde conmemoramos hai catro anos o centenario de “O fidalgo”, a actriz Alba Bermúdez, de Galeatro, e o actor Toño Casais, de Talía Teatro, dirixidos por Artur Trillo, realizarán unha lectura dramatizada de varias escenas da súa obra máis coñecida e popular.

A celebración do 150º aniversario do autor, aberta a toda a veciñanza, rematará coa música da Banda Municipal de Gaitas.

Xesús San Luís Romero

Xesús San Luís Romero naceu na rúa da Saúde de Carballo o 9 de setembro de 1872. Era o menor dos seis fillos de Francisco San Luís (que fora presidente do Comité Republicano e síndico do Concello de Carballo na I República) e Eugenia Romero, naturais de Noia.

Dende os 8 ata os 12 anos foi á escola con Ramón Pérez Villamil, e acudía con frecuencia á biblioteca que había no Pazo de Vilar de Francos (Artes), como sinala o historiador Xan Fraga. Pronto comezou a traballar como aprendiz de zapateiro na industria dos pais. Aos vinte anos, despois de morrer súa nai, emigrou á Arxentina, onde casou con Manuela Iglesias Sampaio (Lalín), con quen tivo cinco fillos.

“En Arxentina escribirá moito e ben”, engade Xan Fraga. No ano 1902 volveu a Galiza, e no 1908 instalouse como industrial zapateiro en Santiago de Compostela. Retomou a escrita e colaborou en varios xornais. “No ano 1910 faise socio do Centro Republicano, do que será directivo; pertence á masonería e forma parte do famoso Pacto de Lestrove, do que xorde a Federación Republicana Galega (FRG). Nas eleccións de 1931 foi elixido concelleiro e será tamén tenente de alcalde. Coa guerra e o franquismo padecerá cárcere e multas”, engade o historiador carballés.Tras quedar viúvo en 1946, pasa longas temporadas en Turces (Touro). Morreu en Compostela o 22 de setembro de 1966.

O seu irmán Ramón, a quen dedicou a obra “O fidalgo” (1918), foi alcalde de Carballo no período 1933-1935.

Compartir: