Xa podes inscribir a túa webserie na 10ª edición do Carballo Interplay, que se celebrará do 29 de marzo ao 1 de abril do 2023
Aberto tamén o prazo para o Premio a proxecto de serie en galego, dotado con 3.000 euros
Luns 1 de agosto do 2022
O Carballo Interplay prende os motores para volver a converter o noso concello na capital estatal dos contidos dixitais do 29 de marzo ao 1 de abril do 2023. No seu décimo aniversario, o festival promete seguir sorprendendo, pero o primeiro é o primeiro, así que abrimos o prazo para que inscribas a túa webserie.
Aquí tes os datos básicos: poderán presentarse a competición as series producidas entre os anos 2021 e 2023 que teñan un mínimo de 3 capítulos emitidos no momento da inscrición. Non hai límites de duración, temática, xénero, técnica ou procedencia. O único límite que che poñemos é o 20 de febreiro para que formalices a túa inscrición no formulario que atoparás máis abaixo, xunto coas bases completas.
E toma nota dos premios:
- Mellor serie: 800 euros e trofeo
- Mellor serie versión orixinal en galego: 800 euros e trofeo
- Premio do xurado novo: 400 euros e trofeo
- Premio do público: 400 euros e trofeo
- Premio ao mellor guión: 200 euros e trofeo
- Premio á mellor dirección: 200 euros e trofeo
Tamén está aberto o prazo para o Premio a proxectos de serie en galego, que ten como obxectivo o fomento da difusión na internet de contidos audiovisuais orixinais en lingua galega. Se tes un proxecto en mente, ata o 13 de marzo podes inscribirte e gañar 3.000 euros para producir os tres primeiros capítulos da túa serie!
Se estás interesado/a debes escribir ao enderezo electrónico direccion@carballointerplay.com, indicando no asunto do correo “Proxecto de serie en galego” e anexando a seguinte documentación nun arquivo en formato pdf:
- Historial profesional do/a solicitante, persoa, entidade ou produtora.
- Sinopse do proxecto (máximo 1 páxina).
- Memoria explicativa do proxecto (máximo 5 páxinas).
- Guión do primeiro capítulo.
- Calendario da produción.
- Currículo do equipo técnico e artístico.
- Plan de comunicación e presenza en RRSS.
- Ligazón a teaser visual da webserie.
- Calquera outra documentación que consideres pertinente para a mellor defensa do proxecto.