A ENTREGA DE PREMIOS SERÁ O VENRES 13 ÁS 20.00 HORAS
O fotógrafo conquense José Ramón Luna de la Ossa gaña a 24ª edición do Certame de Fotografía Xosé Manuel Eirís
O xurado tamén decidiu galardoar a Juan Rodríguez Pazos, Sandra Ramilo Rodo e Francisco López López
Martes 10 de maio do 2022
Xurado da 24ª edición do Certame de Fotografía Xosé Manuel Eirís
José Ramón Luna de la Ossa (1974), de Tarancón (Cuenca), acada o primeiro premio do Certame de Fotografía Xosé Manuel Eirís cunha imaxe titulada Miedo después del miedo, pola que recibirá 1.500 euros e diploma.
O gañador do certame é técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Fotografía Artística, titulado de grao superior da Escola Cruz Xato de Cuenca; Fotografía publicitaria, Dixital, Creativa, Recursos Dixitais e Profesional da Escola Superior de Comunicación, Imaxe e Son (CEV) de Madrid, e estudos de pintura en Atrium (Madrid). Participou en máis de 600 exposicións individuais e colectivas, e ten recibido máis de 400 premios, bolsas e recoñecementos nacionais e internacionais.
O xurado vén de facer público o seu fallo despois dun exame minucioso das 100 obras presentadas por un total de 44 autores e autoras. O segundo premio desta 24ª edición, dotado con 750 euros e diploma, e patrocinado pola Fundación Luis Calvo Sanz, é para a fotografía titulada La extraña pareja, de Juan Rodríguez Pazos. O fotógrafo estradense é un habitual do noso certame, no que xa acadou o Premio Especial Carballo no ano 2018 e un accésit no 2019. A súa sucesora no Premio Especial Carballo é a larachesa Sandra Ramilo Rodo cunha imaxe titulada Crise enerxética, pola que recibirá 500 euros e diploma, patrocinado por Interfilm Carballo. Este ano tamén se entregará un accésit de 300 euros e diploma a Francisco López López, de Viveiro, pola súa obra Calma chicha.
A entrega dos premios terá lugar o venres 13 de maio, ás 20.00 horas, no 3º andar do Pazo da Cultura. No mesmo acto será inaugurada a exposición das obras gañadoras e dunha selección realizada polo xurado entre todas as presentadas a esta 24ª edición do certame.
A reunión do xurado tivo lugar o día 4 no Pazo da Cultura
O xurado estivo integrado nesta edición por Marcos Trigo Facal, concelleiro de Cultura, coma presidente; Beatriz Neira Varela, en representación da Asociación Cultural Ría de Lema; Ángel Cordero Gómez, fotógrafo e profesor da Escola de Imaxe e Son da Coruña; Carlos Fernández Pardellas, fotógrafo; Carlos Lorenzo Pérez, fotógrafo, creador audiovisual, xestor cultural e presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural; María Marticorena Cabezas, licenciada en Belas Artes, profesora de Educación Plástica Visual e artista performer, e Carmen Castro Pombo, xefa do Servizo de Cultura do Concello de Carballo, que actuou coma secretaria do xurado.