Máis de 1.600 nenas e nenos participaron nas actividades da XV Semana do Libro e a Lectura
A exposición dos traballos realizados polo alumnado dos distintos centros de infantil e primaria continúa aberta durante toda esta semana
Martes 3 de maio do 2022
O "Desconcerto" de Félix Rodríguez e Fran Rei pechou as actividades
A Semana do Libro e a Lectura regresou con moita forza e máis creatividade. “Carballo é...” amosounos os distintos xeitos de ver o noso concello (e a súa contorna) a través dos ollos da rapazada, e aínda nolo amosa, porque a exposición continúa aberta durante toda esta semana no primeiro andar da Biblioteca Municipal Rego da Balsa. Se aínda non a visitaches, aproveita esta “prórroga” para descubrir os traballos sobre mar, deporte, natureza, cultura e unha chea de cousas máis que prepararon para a ocasión os nenos e nenas dos centros escolares do noso concello.
Evencio Ferrero e Marcos Trigo tamén visitaron a exposición
Pero a Semana do Libro e a Lectura é moito máis. Dentro deste programa conxunto da Concellaría de Cultura e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), patrocinado pola Fundación Luis Calvo Sanz, desenvolvéronse, entre o luns 25 e o venres 29, un total de 13 actuacións e obradoiros. Polos coles pasaron Cé Orquestra Pantasma, María da Pontragha, o mago David Méndez, Xarope Tulú, Teatro Ghazafelhos, Félix Rodríguez e Fran Rei... E nas Tardes de contos, música e maxia que organizamos na biblioteca para os nenos e nenas de 3 a 8 anos, o auditorio encheuse todos os días.
Nas actividades da XV Semana do Libro e a Lectura participaron 1.634 escolares, aos que se suman os grupos organizados de distintos coles que se achegaron ata a Biblioteca Rego da Balsa para ver a exposición e o público que acudiu pola súa conta polas tardes. Un balance máis que satisfactorio que reforza o compromiso do Concello de Carballo co fomento da lectura tamén en idades temperás.