A coreógrafa e performer brasileira Natalia Fernandez será a artista residente deste ano no Pazo da Cultura
O programa interinstitucional Residencias Paraíso, no que Carballo participa dende a primeira edición, vén de resolver a convocatoria correspondente ao 2022
Xoves 7 de abril do 2022
Natalia Fernandes
Natalia Fernandes é unha coreógrafa e performer de São Paulo que vive e traballa en Madrid desde 2017. Licenciada en danza pola Universidade Estatal de Campinas (UNICAMP), en Brasil, Natalia tamén complementou a súa formación con distintos cursos e talleres en Brasil, EEUU e Alemaña. Desde 2013 imparte clases de Anatomía Inventada: danza contemporánea, en distintas cidades de Europa, África e América. É profesora convidada no Conservatorio Profesional Ana Lagoa de Burgos. En 2016 iniciou un proxecto de clases sobre conciencia corporal e danza contemporánea para mulleres refuxiadas xunto ao CEAR (Comisión Española de Acollida de Refuxiados), en Madrid. E este ano será a artista residente no Pazo da Cultura de Carballo dentro do programa inter-institucional Residencias Paraíso, que acada a súa sexta edición e que vai medrando grazas ao impulso do Colectivo RPM e ao compromiso de entidades como o Concello de Carballo, a través da Concellaría de Cultura.
Residencias Paraíso pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, ó mesmo tempo que pretende normalizar o concepto de residencia artística, fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia.
Este programa vai dirixido a artistas de Galicia e do resto da península ibérica, e acollerá ata 8 proxectos en residencia. Cada residencia terá unha duración de 2 a 3 semanas nun dos espazos colaboradores, que pola diferente tipoloxía favorecen o traballo das diversas fases dun proxecto artístico, dende a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico ou a creación coreográfica, ata residencias de carácter técnico.
En agosto, o Pazo da Cultura de Carballo será o espazo anfitrión da residencia de Natalia Fernandes. Co título ¿Podemos hablar de Caetano?, a artista propón unha creación a cabalo entre un álbum de música, unha conversa e unha coreografía, apoiándose no universo poético do cantante Caetano Veloso. O resultado poderemos velo en outubro no FIOT.