ARRINCAMOS O 1 DE ABRIL, ÁS 20.30 HORAS, CON “O GRAN CAMIÑO”
Carballo, centro de referencia supracomarcal do circuíto audiovisual do ciclo Mestre Mateo
O noso concello acollerá ao longo do ano as películas máis destacadas do cinema galego actual
Venres 25 de marzo do 2022
Carballo volve a converterse nun centro de referencia audiovisual, xa que é o único concello da Costa da Morte e un dos poucos da provincia incluído no circuíto de proxeccións do ciclo Mestre Mateo, que achegará o máis destacado do cinema galego actual a un total de 19 localidades da comunidade autónoma.
A Concellaría de Cultura sumouse á iniciativa, promovida pola Academia Galega do Audiovisual co apoio das catro deputacións provinciais e da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia, para facilitar o acceso da veciñanza do noso concello e tamén de toda a contorna ao cinema galego máis actual, poñendo en valor deste xeito o talento creativo do sector audiovisual, favorecendo o achegamento á nosa cultura e ao noso idioma a través do cine e contribuíndo á diversificación da oferta cultural.
O GRAN CAMIÑO
O gran camiño será a película encargada de inaugurar as proxeccións do Ciclo Mestre Mateo, iniciando así un ciclo de oito sesións que se desenvolverán con periodicidade mensual.
O gran camiño é un documental dirixido por Alba Prol e Raúl García que narra a súa experiencia percorrendo a pé as grandes rutas do mundo: O Pacific Crest Trail, un dos sendeiros máis extremos dos EEUU, o Camiño Inca a Machu Picchu, a ancestral ruta de Kumano Kodo en Xapón e o Camiño de Santiago europeo. Unha viaxe de miles de quilómetros que permite abordar temas universais como as fronteiras, o amor e o sacrificio, os conflitos sociais, a espiritualidade ou o coidado do noso planeta.
Finalista dos XX Mestre Mateo na categoría de Mellor documental, e seleccionado e premiado en máis dunha vintena de certames internacionais, o filme foi recentemente recoñecido co Premio Abanca ao impulso da sostibilidade que outorga a Academia Galega do Audiovisual “por tratar o coidado do noso planeta desde unha perspectiva global, destacando os recursos e valores da contorna natural, patrimonial, paisaxística e ambiental a través dun relato de aventuras que acaba revelándonos partes esenciais da natureza do ser humano”.
En Carballo poderemos velo o 1 de abril, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura.