Cultura

Cultura

- 2024 +
- Novembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

O Concello de Carballo achega o teatro ao alumnado de Secundaria

Máis de 800 estudantes dos catro centros carballeses asistirán este mes á representación de “A parábola do angazo”, de Talía Teatro

Xoves 24 de marzo do 2022 Cultura

Artur Trillo e Toño Casais protagonizan

Artur Trillo e Toño Casais protagonizan "A parábola do angazo"

Un total de 829 alumnos e alumnas dos IES Monte Neme, Alfredo Brañas e Parga Pondal e do CPR Plurilingüe Artai cambiarán por unhas horas as súas aulas polo auditorio do Pazo da Cultura para asistir á representación de A parábola do angazo, a última montaxe de Talía Teatro. O Concello de Carballo quere achegar as artes escénicas á rapazada, e aproveitamos a celebración do Día Mundial do Teatro, o 27 de marzo, para programar un novo ciclo de teatro escolar, nesta ocasión dirixido ao alumnado de Secundaria e Bacharelato.

Nunha iniciativa conxunta das concellarías de Cultura e Normalización Lingüística e Mocidade, entre os días 28, 30 e 31 de marzo realizaranse seis representacións de A parábola do angazo, unha montaxe estreada no último Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) que pretende achegar ao alumnado as fortalezas do galego como lingua, poñendo en valor a tradición oral, difundindo entre a rapazada a importancia do uso do galego en técnicas e métodos audiovisuais modernos e fomentando a creación cultural en galego.

Deste xeito, despois do éxito acadado con Bicos con lingua e Pelos na lingua, a compañía Talía Teatro presenta un novo espectáculo destinado a provocar unha reflexión sobre a lingua entre a mocidade. A parábola do angazo completa a triloxía coa intención, segundo expón a propia compañía teatral, de vincular as raíces do noso idioma co que agora somos. A proposta teatral, cunha linguaxe e un formato moi actual, imitando aos ídolos da mocidade nas redes sociais, está dirixida por Diego Rey e interpretada por Artur Trillo e Toño Casais, e afonda na importancia de poñer en valor a nosa lingua, transmitindo á mocidade que está tamén na súa man conseguilo.

DÍA MUNDIAL DO TEATRO

Arredor do Día Mundial do Teatro, para esta semana temos programadas dúas actuacións abertas a toda a veciñanza. Mañá venres, ás 21.00 horas, recibiremos no auditorio do Pazo da Cultura á compañía Redrum Teatro co espectáculo Un home con lentes de pasta, unha comedia estreada en Barcelona que foi galardoada co premio da crítica Serra D’or ao mellor texto teatral no 2010, premio Time Out ao mellor espectáculo no 2011, premio Mi Butaquita á mellor obra no 2014 e ademais estivo nomeada ao mellor texto catalán nos Premios Max do 2011.

E despois desta comedia para maiores de 13 anos, que forma parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o domingo celebraremos o Día Mundial do Teatro coa posta en escena de Rastros, unha montaxe da compañía Condetrespés, en coprodución co Centro Dramático Galego, que coincide ademais co 20º aniversario do pasamento do seu autor, Roberto Vidal Bolaño. A entrada ao espectáculo, patrocinado pola Deputación da Coruña, é de balde. Aínda así, tanto neste caso coma no anterior, podes adquirir a túa en www.ataquilla.com.

Compartir: