A compañía carballesa Galeatro estreou na Cidade da Cultura o seu primeiro espectáculo para o público adulto
A concelleira Maruxa Suárez asistiu á representación de "Arte sen guión" para apoiar a nova proposta de Galeatro
Luns 21 de marzo do 2022
Imaxe da estrea na Cidade da Cultura
O ciclo Clásicas desfeitas, coproducido pola Cidade da Cultura e o Centro Dramático Galego, arrincou esta fin de semana coa estrea de Arte sen guión, unha comedia made in Carballo que intenta responder desde a creación contemporánea a un misterio por resolver: existiu o teatro en galego na Idade Media? A compañía Galeatro válese das técnicas da improvisación e da música para construír unha peza cargada de humor na que o antigo e o moderno batallan e dialogan entre si.
A obra, primeira produción de Galeatro dirixida ao público adulto, forma o volume catro de Clásicas desfeitas, iniciativa que aposta por crear espectáculos anovadores e actuais a partir de textos clásicos da literatura no marco do programa de Residencias Artísticas do Gaiás. Arte sen guión tivo dúas representacións esta fin de semana na Cidade da Cultura, e alí estivo a concelleira de Mocidade, Normalización Lingüística e Festas, Maruxa Suárez Cotelo, para apoiar á compañía carballesa.
Unha viaxe no tempo en clave de humor
Na súa proposta, Galeatro investiga as cantigas e textos da literatura galega previos ao Rexurdimento, así como as estruturas da dramática clásica, para facer viaxar ao público ata unha posible función de teatro galego medieval, un xénero sobre o que crítica e academia discuten aínda hoxe, ao non conservarse rexistros escritos da súa existencia
O actor e creador Miguel Canalejo, coñecido polos seus papeis nas series Método criminal, Cuéntame cómo pasó ou Serramoura, dirixe e actúa nesta divertida peza na que a improvisación marca o ritmo, facendo de cada función un espectáculo diferente. Canda el estarán tamén no escenario Cris Iglesias —Fariña, Eroski Paraíso—, e os fundadores de Galeatro, Alba Bermúdez e Tone Martínez. O músico Nacho Martín, integrante do trío coruñés True Mountains e compositor con experiencia en espectáculos teatrais, é o responsable do espazo sonoro, mentres a deseñadora arxentina afincada en Galicia Anahí Taraburelli creou o colorido vestiario da peza.
Galeatro
Galeatro é a primeira compañía de teatro profesional de Carballo. Fundada polos actores Tone Martínez e Alba Bermúdez, ten percorrido gran parte dos centros educativos de Galicia cos seus espectáculos didácticos De Leria con Castelao, O Contador de Contos, Contos no Faiado e O Xogo das Letras. No 2017, coproduce xunto co FIOT, o seu primeiro espectáculo de gran formato Muiñada. Esta colaboración afianzouse coa coprodución de Carabela no ano 2020.
Á súa vertente artística hai que lle engadir o seu labor de formación teatral, que no último ano chegou a máis de 200 estudantes. Galeatro nace coa intención de achegar as artes escénicas a un público familiar, contando para isto con dramaturgas galegas vivas coma Ana Carreira ou Paula Carballeira. Con Arte sen guión, a compañía pretende dar un paso máis achegándose ao público xuvenil e adulto sen esquecer as súas raíces.
Equipo técnico e artístico
- Miguel Canalejo — Actor / Director
- Alba Bermúdez — Actriz / Espazo escénico
- Tone Martínez — Actor
- Cris Iglesias — Actriz
- Nacho Martín — Espazo sonoro
- Anahí Taraburelli — Deseño de vestiario