O Concello de Carballo colabora co CEIP Xesús San Luís Romero para espallar a poesía pola vila
Coincidindo co Día Mundial da Poesía e o Día Internacional dos Bosques, os versos comezan a florecer nas árbores dos distintos barrios urbanos
Luns 21 de marzo do 2022
A coincidencia do Día Mundial da Poesía e do Día Internacional dos Bosques converte o 21 de marzo nunha data moi especial, cun simbolismo aínda maior porque só unhas horas antes vimos de entrar na primavera. Na estación que representa o renacemento da natureza, nalgunhas das moitísimas árbores que vimos plantando nos últimos anos nas rúas carballesas comezan a florecer os versos, grazas a unha iniciativa do CEIP Xesús San Luís Romero á que nos sumamos este ano dende as concellarías de Cultura e Medio Ambiente.
Ao longo de toda esta semana poderedes ver en distintas zonas urbanas poemas pendurados das árbores. No CEIP Xesús San Luís Romero non é a primeira vez que se leva a cabo esta iniciativa, circunscrita ás rúas da contorna do propio colexio e na que tamén colabora o comercio da Milagrosa. Ademais de ler os versos, con cada poema aparece un código QR que vos levará a un poema musicado.
Pero nesta ocasión, grazas á colaboración da Brigada Municipal de Xardíns, os poemas traspasarán os límites do dinámico barrio da Milagrosa. Hoxe empezamos a colocalos en distintos espazos urbanos: as contornas dos colexios Fogar, Bergantiños e A Cristina, e tamén dos IES Alfredo Brañas, Monte Neme e Isidro Parga Pondal, e diversas rúas urbanas como Concepción Arenal ou Ponte. Así que se paseades estes días por Carballo poderedes desfrutar lendo versos completos ou estrofas de autores locais coma Xesús San Luís Romero, Alfredo Brañas, Rosalía Fernández Rial, Raúl G. Herrera ou Xurxo Chapela, pero tamén doutros e outras coma Xela Arias, Manuel María, Celso Emilio Ferreiro, Asunción Antelo, Manoel Antonio...
Únete!
Dende o Concello de Carballo queremos agradecer o convite do CEIP Xesús San Luís Romero e trasladalo a toda a cidadanía para que ao longo de toda esta semana que durará a iniciativa tamén vos sumedes a esta cita coa poesía pendurando versos das ventás, dos balcóns ou das portas das vosas casas. E tamén podedes compartilos nas nosas redes sociais, etiquetando #DíaDaPoesíaNaÁrbore ou envialas ao correo electrónico do cole equipobibliosanluis@gmail.com