O Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay aposta polo podcast na súa novena edición
As persoas e entidades que queiran participar na xornada profesional, que terá lugar o venres 8 de abril, pódense inscribir de xeito gratuito en carballointerplay.com
Mércores 9 de marzo do 2022 Cultura
O Carballo Interplay, que celebrará a súa novena edición do 6 ao 9 de abril, aposta polo podcast e pola creación de contidos dixitais. Nesta edición con énfase no sonoro, o Festival de Contidos Dixitais quere abrir espazos de diálogo e fomentar alianzas entre creadoras/es, productoras e plataformas de Galicia e España co obxectivo de favorecer a creación de proxectos conxuntos. A Zona PRO do Interplay 2021 será o venres 8 de abril no Pazo da Cultura de Carballo e as persoas interesadas poden solicitar xa a súa acreditación gratuíta neste formulario, antes do 28 de marzo.
O Carballo Interplay mantén a súa programación profesional cunha xornada dividida en dúas partes: dende as 10h ata as 14h haberá presentacións e debates, e pola tarde, ás 17h, establecerase un punto de encontro para que creadoras/es, empresas productoras e plataformas de podcast de Galicia e de España contacten e intercambien ideas para posibles proxectos e colaboracións futuras.
Abrirán as conversas Jesús Blanquiño, xefe de proxectos de Podium Podcast; Marta Salicrú, directora de Radio Primavera Sound, e Tania Fernández Lombao, xefa do Servizo de Xestión Operativa de Programas de Radio Galega, falando do aumento de consumo de podcast en España e o seu papel como referencia a nivel mundial na escoita de contidos, sendo ouvinte habitual de podcast un de cada tres españois. Nesta mesa redonda intentarán dar resposta a cales son as claves para comprar un producto sonoro e predecir o seu éxito ou non no panel “A profesionalización do podcast”.
Posteriormente, Ana Garriga e Carmen Urbita, productoras do podcast Las hijas de Felipe; Manuel Bartual, director, escritor e guionista detrás dos podcast Biotopía e Santuario, e Carmen Pacheco, creadora e guionista tamén de Santuario, falarán sobre as posibilidades do podcast como nova forma de difusión e narración no panel “Novas formas de contar. Da ficción sonora á divulgación”. Ademais, o propio Manuel Bartual ofrecerá no marco desta edición do festival o obradoiro “Escribamos ficción sonora”, no que amosará o proceso de creación dos seus podcasts e analizará cos asistentes a esta formación como abordar e desenvolver en formato audio unha ficción cos medios que habitualmente a xente ten ao seu alcance.
De seguido abandonaremos momentaneamente o eido do estritamente sonoro para falar da industria dos festivais que xiran en torno á cultura popular e dixital. Para iso estarán Edgar Riu, Maria Farràs, Clara Duch e Lucia Calvo (tamén coñecidas como Filles d´Internet) por parte do Memefest, unha cita cultural desenfadada e catártica para pensar e rir a creación humorística en redes; Borja Crespo dende Tracking Bilbao, un festival que conta con profesionais especializados, exemplos afianzados e novos talentos, e Betu Martínez e Victor Sala de Serielizados, un evento anual sobre ficción e series organizado pola revista Serielizados xa consolidado no panorama cultural catalán e español. Analizarán o panorama actual, así coma a búsqueda de novas tendencias de entretemento e consumo cultural no panel “Festivais adicados á cultura popular, dixital e series”.
A última hora da mañá terá lugar o encontro “CREA feat Podgalego”. A presencia das narracións sonoras, tanto no eido do documental coma no da ficción, son unha realidade cada vez maior. CREA e Podgalego xúntanse na Zona Pro para falar sobre a importancia do traballo sonoro na arte e reflexionar sobre a importancia do son e a imaxe nunha conversa con diferentes profesionais da palabra e da música.
Finalmente, ás 17h, comenzará o Encontro PRO no que quen o desexe poderá presentar os seus proxectos a productoras de podcast como Podium Podcast, Radio Primavera Sound e Radio Galega Podcast. As persoas interesadas en participar neste espazo de encontro pódense inscribir de xeito gratuito a través deste formulario, antes do 28 de marzo. O obxectivo do Carballo Interplay é fomentar a conexión entre creadores, creadoras e productoras abrindo espazos de diálogo onde poder coñecerse de xeito distendido e construír futuras alianzas ou ver nacer novos proxectos. Neste encontro participarán produtoras galegas e españolas e tamén creadores e creadoras que teñan algún proxecto e estean na procura de feedback ou de produción.
Volve o Campamento Kamikaze
O Interplay levará a cabo esta experiencia audiovisual kamikaze no Raz Surf Camp os días 4, 5 e 6 de abril, en horario intensivo de 9h a 21h. As 24 persoas que participen no taller enfrontaranse ao reto de idear, gravar e postproducir capítulos de serie Dinosaurio que se estrearán no festival acompañadas por profesionais do sector audiovisual galego coma Xulio Abonjo, Gon Caride, Laura Doval, David Fidalgo, Marcos Nine ou Irene Pin. As persoas que queiran vivir esta aventura audiovisual extrema pódense preinscribir, antes do 21 de marzo, a través deste formulario de inscrición.