O club de lectura da Biblioteca Rego da Balsa retomou a súa actividade con todas as prazas cubertas
O Comité de Irmanamento con L’Isle Jourdain tamén continúa co seu club de lectura en lingua francesa
Martes 25 de xaneiro do 2022 Cultura
Unha das poucas cousas boas que tivo o confinamento foi o incremento da afección pola lectura, que acadou cotas históricas a nivel estatal. Carballo non foi unha excepción, pero no noso concello o interese polos libros xa vén de antes, como demostran as sucesivas edicións da Praza dos Libros, as estatísticas de uso das nosas bibliotecas, as numerosas publicacións de autoras e autores locais... e tamén o éxito dos clubs de lectura.
A Biblioteca Rego da Balsa retomou neste mes de xaneiro os encontros quincenais de afeccionados e afeccionadas á literatura co escritor Alfredo Ferreiro, que un ano máis é o encargado de coordinar e dirixir o noso club de lectura. As 18 prazas están cubertas, e onte os/as participantes volveron a xuntarse no auditorio da biblio para falar sobre “O show de Gary”, a novela de Nell Leyshon. A próxima cita será o 7 de febreiro.
O club de lectura é maioritariamente feminino. Hai máis mulleres que homes, e tamén moita variedade de idades: dende os 20 ata os 80 anos. E semella que a afección compartida crea vínculos, por son moitas e moitos os que repiten unha edición tras outra.
Pero na Biblioteca Rego da Balsa tamén se le en francés, porque o Comité de Irmanamento de Carballo con L’Isle Jourdain desenvolve os sábados o seu propio club de lectura, que leva xa cinco anos activo. Os/as participantes son tamén adultos/as, e o obxectivo dos encontros vai máis alá da propia lectura, xa que tamén se trata de fomentar as conversas en francés e o coñecemento da cultura do país veciño.
Se queres informarte sobre os clubs de lectura podes poñerte en contacto coa Biblioteca Rego da Balsa no teléfono 981 758 580, en horario ininterrompido de 09.20 a 20.00, ou no correo electrónico biblioteca@carballo.gal.