Se no seu momento non puideches estudar, co Ensino Básico Inicial para persoas adultas tes unha segunda oportunidade
O IES Isidro Parga Pondal ten prazas dispoñibles para este curso nos niveis I e II
Martes 9 de novembro do 2021
O Ensino Básico Inicial ofrece unha segunda oportunidade ás persoas adultas que, por calquera motivo, no seu momento non puideron estudar ou non completaron os estudos primarios. En Carballo, o lugar ao que tes que dirixirte é o IES Isidro Parga Pondal, centro de referencia para a educación de adultos dende o nivel máis básico ata ESA, Bacharelato, ou mesmo a formación online da Aula Mentor.
Unhas das vantaxes do Ensino Básico Inicial (EBI) é que o prazo de matrícula está aberto durante todo o ano, polo que podes incorporarte cando queiras. En función da túa formación de partida podes optar polo nivel I ou polo nivel II.
Completar o nivel I equivalería a 3º curso de Primaria. É o perfecto para as persoas que queiran adquirir técnicas básicas de lecto-escritura, razoamento matemático e cálculo que lles faciliten a formación suficiente para satisfacer as necesidades que se lles presentan na vida cotiá; pero tamén lles permitirá acceder a novas aprendizaxes e tecnoloxías e potenciar a súa participación activa na vida social, cultural, política e económica. En definitiva, un programa de formación flexible e adaptado ao alumnado, sen exames e, ademais, de balde.
O nivel II, que sería semellante a rematar a Primaria, permitiría consolidar as técnicas de lecto-escritura, cálculo e coñecemento do medio social e natural coa finalidade de acceder á educación secundaria para persoas adultas (ESA) ou seguir con garantías cursos de cualificación profesional. Coma no caso anterior, trátase dun ensino presencial, voluntario e gratuíto.
Non deixes fuxir a oportunidade de formarte. Achégate ao IES Isidro Parga Pondal e infórmate!