O FIOT activa o luns 20 de setembro a venda de bonos e entradas para os espectáculos da súa 30ª edición
As vendas realizaranse a través de www.ataquilla.com, aínda que as datas varían en función dos distintos programas que conforman o festival
Sábado 18 de setembro do 2021 Cultura
O luns 20 de setembro sairán á venda os primeiros bonos e entradas da 30ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT. O certame de artes escénicas, que este ano se celebrará entre os días 24 de setembro e 29 de outubro, activa así a posibilidade de adquirir, con antelación, os billetes para asistir aos espectáculos da súa programación, que recolle unha ampla diversidade de propostas para todos os públicos.
Este luns 20, a partir das 10.00 horas, o público poderá adquirir a través da plataforma dixital www.ataquilla.com as entradas para Rúa dos Contos, a liña de programación que abrirá esta 30ª edición o venres 24. Como novidade, por primeira vez o FIOT dá a posibilidade de adquirir un bono para case unha ducia de espectáculos da Rúa dos Contos. Estes bonos, dun prezo de 20 euros (máis gastos de xestión), darán acceso a un total de 11 sesións como son as de Caxoto, Pepo Suevos, Oswaldo Digón, O’Leo Arremecaghona, The Tetas Van, Izquierdo Sisters, Ángela Triana, Arantxa Treus, Talía Teatro, Paula Carballeira e Fran Rei. Mais aquelas persoas que prefiran adquirir as entradas soltas para cada unha destas propostas, tamén poderán facelo. As entradas individuais da Rúa dos Contos terán un prezo de 3 euros (máis gastos de xestión), agás no caso dos dous espectáculos que, ao abeiro da ‘Noite de troula’ no mercado municipal, darán Xosé A. Touriñán e Luis Piedrahita (10 euros, máis gastos de xestión, cada entrada).
Este luns tamén terá lugar a activación da venda de entradas para o Ciclo XI OTNI cuxas entradas non sexan gratuítas. É o caso, por exemplo, de Technocracia, a creación festiva e de convite ao baile que Funboa Escénica ofrecerá no mercado na noite do sábado 25; ou Ronem Ram, de Onírica Mecánica, o 15 de outubro. As entradas, nos dous casos, serán de 5 euros. Para a sesión virtual deste último, nomeada RonemRam.0 e que terá lugar o 14 de outubro, o prezo será de 3 euros.
Este ciclo OTNI, tal e como se anunciou na presentación, tamén contará con funcións gratuítas de FIOT Fónico (A lúa, válvula de spray e O espello que arde, que se estreará o 1 de outubro), nas que se terá que facer unha reserva previa, a través do correo electrónico fiot.fiotfonico@gmail.com, e para coñecer o work in progress que Marta Valverde está desenvolver no Concello de Carballo súa nova creación 30’ 70 60’ 120, na que mestura o live cinema e a conferencia performativa.
A partir do venres 24 de setembro, tamén ás 10.00 horas, activarase o segundo tramo de venda de entradas. Neste caso, serán os bonos do programa de sala, un número limitado de billetes para todos os espectáculos desta liña de programación, entre os que se inclúen as propostas de Manolo Alcántara, Yllana ou Ron Lalá, entre outras, e que terán lugar a partir do 2 de outubro no Pazo de Cultura de Carballo. Este prazo estará vixente até o luns 27, incluído.
A partir do martes 28, desde as 14.00 horas, o FIOT activará o terceiro tramo de venda de entradas e porá á disposición do público, tamén en ataquilla.com, os billetes individuais para as funcións do programa de sala e para outra das grandes novidades desta 30ª edición: o FIOT en Ruta, dous espectáculos coas compañías Berrobambán e Chévere e que terán lugar os días 8 e 12 de outubro nos centros sociais de Cances e Berdillo.
Reservas para o Metro Cadrado
Tal e como é habitual no FIOT, a entrada aos espectáculos do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado será de balde, mais dadas as limitacións de espazo e en atención á normativa sanitaria vixente, recoméndase, para garantir poder acceder ás funcións, facer unha reserva previa a través do correo electrónico fiot.microteatroentrada@gmail, indicando nome do espectáculo, horario, nome e apelidos do espectador/a e teléfono de contacto.
Todos os horarios das funcións e novidades sobre os espectáculos están actualizados na páxina web do festival, www.fiot.gal, na que tamén se poden consultar os vídeos, sinopses ou citas de prensa dos diferentes espectáculos da programación.