O Interplay reunirá en Carballo os "Masters da internet" de Galicia
A 8ª edición do festival de contidos dixitais celebrará o xoves 9 de setembro o primeiro encontro transversal da creación galega onlin
Xoves 19 de agosto do 2021 Cultura
A 8ª edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay reunirá un ano máis na capital bergantiñá o mellor talento dixital galego, as e os "Masters da internet" de Galicia. Creadoras e creadores de series web, de podcast e de contidos para Youtube, Tik Tok e Twitch protagonizarán o primeiro encontro transversal de creación galega online, o xoves 9 de setembro.
Un dos obxectivos do Carballo Interplay é seguir transformando, medrando, ensinando, e promocionando o talento galego na rede. Por isto, nesta edición, o equipo do festival artellou un encontro cos principais puntas de lanza nas novas narrativas dixitais do país moderado por Alba Mancebo e Esther Estévez, dúas das caras máis novas e máis representativas da presenza da TVG na rede.
Entre os "Masters da internet" que analizarán en qué momento se atopa a creación dixital en Galicia e qué retos afrontará no futuro atópanse os ilustres gañadores do premio Galitwitter, Jon Amil e Mira1cousinha; representantes de dous dos podcasts máis exitosos do último ano, Samuel L. París (MBA mal) e Carme D. Prol (Café Derby 21), da man do creador de Podgalego, Isaac González; creadoras de contido para Youtube, Olaxonmario e Nee Barros, e Tik Tok, Malva e Leti da Taberna; ou un dos impulsores da iniciativa Twitch en Galego, Agos Reigosa.
SERIES WEB DO PASADO E DO PRESENTE
O xoves 9 terá lugar, tamén, un Café con CREA organizado pola asociación de realizadores e realizadoras de Galicia e protagonizado polas creadoras de e creadores de proxectos fundamentais no panorama das series web en Galicia: Sonia Mendez (Angélica y Roberta), Irene Pin (Amnesia 3.0), Javi Camino (El viudo quiere mimos), Óscar Cruz (colectivo Porco Bravú) ou Lucía Estévez (Xan), que moderará o debate. Tamén participarán na conversa Sandra Lesta, David Fidalgo, Jorge Boquete, Miguel Canalejo ou Pedro Brandariz. E, xa pola tarde, proxectaránse as series web en galego que compiten na Sección Oficial do Carballo Interplay -Arrieiros Somos, Mataría MicroSerie, Pandemials e Dúo Vaguedades- coa presenza das súas creadoras e creadores.
SERIES WEB DO FUTURO
O que fora o primeiro festival de contidos dixitais do Estado e que sigue sendo a maior mostra de creatividade na rede do país, non se limita a seleccionar e ofrecer o mellor do contido dixital galego, senón que quere contribuír a "fomentar a creación dixital innovadora, en lingua galega e para o mundo", para o que conta cun premio ao proxecto de serie en lingua galega que ofrece 3000 euros para a creación dos tres primeiros capítulos.
O gañador da pasada edición do festival foi David Fidalgo, que volve ao Carballo Interplay para amosar os tres primeiros capítulos, o teaser da serie completa e parte do making of de Cacola, unha webserie de animación 2D dixital cunha estética cartoon con cores planas, animacións irreais e historias autoconclusivas cun ton de comedia absurda na que todo pode pasar.
Este ano competirán polo galardón catro comedias con distintos graos de acidez e propostas estéticas ben alonxadas. As súas creadoras e creadores terán 10 minutos para defender o a súa proposta perante un xurado composto por Xose Regueira (Concelleiro de Turismo e Promoción Económica de Carballo), Lucía Estévez (directora), Javi Camino (director) e Andrea Villa (Directora de actividades do Carballo Interplay). A serie gañadora estrearase na vindeira edición do Festival.