DO 3 AO 13 DE XUÑO
A 7ª edición do Rexenera Fest aumentará o extenso e rico patrimonio carballés de arte urbana con seis novas obras de gran formato
Martes 1 de xuño do 2021
Imaxe do primeiro mural que se pintou en Carballo
Un ano máis volve o Rexenera Fest, o festival internacional de arte pública de Carballo, que terá lugar do 3 ao 13 de xuño na capital bergantiñá e que aumentará o xa extenso e rico patrimonio muralístico do casco urbano carballés con 6 novas obras de gran formato.
Durante os dez días do festival seis artistas provintes de distintas orixes estarán traballando en cadansúa intervención en seis localizacións da vila.
Nesta 7ª edición 2021 o festival contará coa participación do arxentino Franco Fasoli, un dos artistas pioneiros e máis recoñecidos na dinámica escea da arte urbana arxentina e unha figura histórica esencial no panorama latinoamericano e europeo. Nas súas obra fálanos das vívidas contradiccións das sociedades actuais e da constante loita entre dominantes e dominados, a miúdo a través de exercicios simbólicos e de orgánicas composicións repletas de dinamismo.
Tamén contaremos con outra figura esencial da escena da arte urbana estatal, como é a sevillana Ana Langeheldt, tamén coñecida como Lahe178 no ámbito do graffiti, eido onde comezou a súa carreira e onde se labrou un importante nome a finais dos anos 90 e comezos dos 2000. O seu expresivo e versátil estilo atopa a inspiración entre o folclore e a modernidade e profundiza en temáticas sobre cuestións vitalistas a través de composicións oníricas e vibrantes, en ocasións salpicadas dun certeiro e intencionado barroquismo formal.
A representación galega vén a cargo do ordense Møu, fundador xunto a Sokram do estudio Mutante Creativo; muralista, deseñador e co-director de festivais de arte urbana como DesOrdes Creativas, Compostela Contemporánea, Cromático ou o mesmo Rexenera, ademáis da súa faceta musical como Mc e productor musical do popular grupo de rap galego Dios ke te Crew. As súas obras reflexionan sobre a fraxilidade do equilibrio no crecemento colectivo e individual, entre a presunta tradición e o suposto progreso. No seu estilo predomina unha paleta de cor reducida e desaturada, coa que xera volume a través de formas planas e co uso dunha liña persistente, certeira e limpa.
A zaragozana Harsa é outra das artistas máis activas da escea estatal, movéndose con comodidade entre distintos eidos como o editorial, o publicitario, o galerístico ou o circuito de festivais de arte urbana. A súa obra está vencellada directamente coa ilustración contemporánea, con claras referencias á cultura popular do entorno no que intervén a nivel temático e á ilustración dos anos 50 e 60 no plano estilístico, caracterízandose por unha destacada riqueza cromática e unha sofisticada síntese a través de formas planas.
O artista catalán Iván Floro, tamén coñecido como Van Vuu, é un dos principais representantes dunha nova e destacada xeración de muralistas contemporáneos, vencellados entre si cun estilo e formación pictórica quizais máis clásica que as xeracións anteriores. Van Vúu desenvolve un estilo cercano ao impresionismo, as temáticas tratadas nas súas obras, versátiles e frescas, derivan desa pertenza á xeración dos 90; seriedade, ironía, certo frikismo xeracional e certa nostálxica rebeldía mestúranse para plasmar lembranzas da infancia ou imaxes do presente tintadas de referencias á contracultura actual.
A madrileña Marta Lapeña é outra das artistas desta nova xeración de muralistas nados nos 90 pero cunha formación pictórica máis clásica, e que como o catalán Van Vúu, veñen pisando moi forte nos úlitmos anos. A súa carreira móvese entre galerías, feiras de arte e festivais de arte urbana e a súa obra caracterízase por unha pincelada solta e expresiva, coa que trata temáticas moi ligadas ao territorio no que intervén e nas que o compoñente social e cultural son crucias nas súas narrativas.
Ademáis das intervencións artísticas, o festival contará con algunhas actividades paralelas coas que o público poderá participar e desfrutar activamente do festival como son as visitas guiadas polas obras, xogos de pistas para familias, unha gincana para adultos con premios con obra gráfica dalgúns dos artistas e entrevistas cos propios artistas participantes mediante directos en Instagram.
ACTIVIDADES PARALELAS
- XOGO DE PISTAS PARA FAMILIAS: de balde con inscrición previa.
DATAS: do 3 ao 13 de xuño.
LUGAR: recollida de pistas no Museo de Bergantiños (Rúa Martín Herrera, 8).
INSCRICIÓNS E +INFO: en turismo@carballo.gal ou no 981 702 077.
PARA TODOS OS PÚBLICOS PREMIOS PARA OS PARTICIPANTES QUE REMATEN O XOGO
- “BUSCANDO OURO”: de balde con inscrición previa.
DATA: sábado 12 de xuño.
HORARIOS: de 19.00 a 21.00 h.
LUGAR: recollida da primeira pista no Museo de Bergantiños (Rúa Martín Herrera, 8).
INSCRICIÓNS E +INFO: en turismo@carballo.gal ou no 981 702 077.
PREMIOS: Obra gráfica dos artistas participantes e pack de merchandising para os 3 primeiros en finalizar a busca.
PARA MAIORES DE 14 ANOS
- VISITAS GUIADAS: de balde con inscrición previa.
DATAS: do 3 ao 13 de xuño.
HORARIOS: de 11.00 a 12.00 h. pola mañá; de 20.00 a 21.00 h. pola tarde.
PRAZAS: grupos dun máximo de 8 persoas.
LUGAR DE SAÍDA: Museo de Bergantiños (Rúa Martín Herrera, 8).
INSCRICIÓNS E +INFO: en turismo@carballo.gal ou no 981 702 077.
PARA TODOS OS PÚBLICOS / PODERÁN PACTARSE TAMÉN VISITAS GUIADAS COS CENTROS DE ENSINO
- “ENCONTROS NAS ALTURAS”: ENTREVISTAS COS ARTISTAS POR INSTAGRAM
DATAS E HORARIOS
Publicaranse durante o festival nas redes sociais do Rexenera Fest:
- FB: https://www.facebook.com/rexenerafest/
- TW: https://twitter.com/RexeneraF
- IG: https://www.instagram.com/rexenerafest/