A Asociación Lumieira e o Concello "recuperan" o trolebús coincidindo co 50º aniversario da súa desaparición
Este venres ás 19:00 horas será inaugurada unha exposición ao aire libre que recolle material recompilado durante décadas polo historiador Xan Fraga
Martes 25 de maio do 2021
Trolebús en Carballo nos anos sesenta
O 15 de marzo de 1971 circularon por última vez os trolebuses A Coruña-Carballo. Coincidindo, pois, co 50º aniversario da súa desaparición, a Asociación Cultural Lumieira e o Concello de Carballo tratan de recuperar a historia dun medio de transporte que foi decisivo no desenvolvemento dos catro concellos polos que pasaba: Carballo, A Laracha, Arteixo e A Coruña.
Unha parte do material recompilado durante décadas polo historiador local Xan Fraga Rodríguez, autor de varios libros sobre o trolebús e o tranvía e gran coñecedor da historia deste medios de locomoción, sairá á luz a través dunha gran exposición ao aire libre que será inaugurada este venres ás 19:00 horas na Praza do Concello.
A mostra, realizada integramente en Carballo, inclúe dez expositores de catro caras cada un, con información escrita e fotografías, principalmente, pero tamén con outro tipo de material recuperado dos trolebuses, como nóminas ou billetes.
A liña de trolebuses entre Carballo e A Coruña fora inaugurada o 23 de febreiro de 1950. A estrada que une estas dúas localidades foi a primeira que se electrificou en España, e a liña de trolebuses, cos seus 34 quilómetros de lonxitude, chegou a ser a máis longa de todo o Estado e a segunda de Europa occidental. A súa historia estará a disposición de toda a veciñanza ao longo do mes de xuño.