Matías Daporta e María de Dueñas estrean "Mocap" en Carballo, o lugar no que foi concibido o espectáculo
Primavera enDanza rematará o venres cunha oportunidade excepcional de asistir ao espectáculo “After the party”, de Thomas Noon Dance
Mércores 21 de abril do 2021 Cultura
Imaxe de "Mocap" (Foto: Julia González Yánez)
Xoves e venres, dous días para seguir gozando da oportunidade única en Galicia que nos ofrece Primavera enDanza para achegarnos á danza contemporánea de dentro e de fóra da comunidade autónoma.
Mañá (Pazo da Cultura, 20.00 horas) asistiremos á estrea en exclusiva de Mocap, o espectáculo de Matías Daporta e María de Dueñas que se xestou durante unha residencia artística en Carballo dentro do Programa de Residencias Para_iso, promovido polo Colectivo RPM co apoio da Agadic e, neste caso, tamén do Concello de Carballo. Do proxecto iniciado durante a súa estancia do 2019 no Pazo da Cultura, que foi mudando e madurando durante toda a pandemia, xurdiu o espectáculo de mañá. O público carballés ten a oportunidade de velo en absoluta primicia.
Matías Daporta e María de Dueñas, que están a realizar unha residencia artística no auditorio do Pazo da Cultura, presentan unha peza de danza de dúas partes na que exploran a idea de ausencia de corpos tanxibles, en contraposición ao aumento de imaxes dixitais que os relevan, e que, como eles mesmos comentan neste vídeo, adquiriu unha nova e maior dimensión durante a pandemia.
"After the party", de Thomas Noone
E despois de asistir á estrea de Mocap, remataremos esta XIX edición de Primavera enDanza con Thomas Noone, unha das figuras máis importantes da danza contemporánea en España e finalista dos Premios Max 2020 na categoría de mellor intérprete masculino de danza. Este bailarín inglés, afincado en Barcelona, volve ao escenario carballés para presentar o espectáculo After the party, unha conversa entre Thomas Noone e o seu alter ego.
Esta conversa no que un home reflexiona sobre as conversacións e encontros pasados a partir dunha forte habilidade técnica, un diálogo tan intenso como absurdo, no que as verdades, soños e mentiras son expresadas con danza e un monicreque rebelde. Poderás velo o venres 23, ás 20:00 horas, no Pazo da Cultura. Non esquezas reservar a túa entrada para os dous espectáculos en www.ataquilla.com.
Abril, o mes da danza
Durante o mes de abril puidemos gozar de 3 espectáculos máis de danza contemporánea da man de tres grandes bailarinas e creadoras galegas: Kirenia Martínez, Marta Alonso e Paula Quintas. Tres visións e propostas coreográficas que nos que se desenvolven mundos moi diversos, como a emigración actual, a nova diáspora galega, pasando pola propia traxectoria na da danza dunha bailarina que chega ata a actualidade con máis compromiso con esta disciplina e apostando por romper con estereotipos de xénero para crear unha sociedade máis libre.
Nesta XIX edición, Primavera enDanza regresou á súa propia estación con espectáculos de compañías de danza contemporánea galegas de recente estrea e de propostas moi significativas a nivel nacional. Una oportunidade de achegarse á danza contemporánea nun dos escasísimos ciclos estables de danza contemporánea en Galicia, unha manifestación artística con gran repercusión nas artes escénicas actuais que ten un alto potencial creativo, de innovación e experimentación.
5 espectáculos de danza, na súa maioría do convenio coa rede de teatros e auditorios da AGADIC da Xunta de Galicia, conformaron este ciclo anual, que dende o Concello de Carballo supón unha clara aposta por achegar a danza, e en especial a danza contemporánea, a todo o público, outorgándolle un espazo propio e merecido dentro da extensa e variada programación da Concellaría de Cultura.