Doazón de libros e material audiovisual da Biblioteca Municipal Rego da Balsa á Escola Oficial de Idiomas e á Residencia DomusVi
Ademais de fomentar a lectura, o Servizo de Bibliotecas da Concellaría de Cultura pretende contribuír á dotación de fondos bibliográficos das entidades
Xoves 25 de marzo do 2021 Cultura
A COVID-19 obrigou a baleirar os estantes da Biblioteca Rego da Balsa
As Bibliotecas de Carballo non só xestionan máis de 40.000 títulos de libros e materiais audiovisuais, senón que tamén queren compartilos e espallalos para sementar a afección pola lectura e a cultura en xeral.
Ata a aparición da COVID-19 estaba a dar moi bos resultados a experiencia de bookcrossing que se puxo en marcha en distintos puntos do concello, e que nos gustaría recuperar cando a situación sanitaria o permita. Pero nestes momentos, coas baldas baleiras porque os materiais que se van utilizando deben gardar corentena, atopamos un novo xeito de seguir fomentando a lectura e compartindo os libros, ademais de contribuír á dotación de fondos bibliográficos de distintas entidades.
Con esa finalidade, a Biblioteca Municipal Rego da Balsa vén de realizar unha doazón de 241 exemplares á residencia de maiores DomusVi e doutros 96 á Escola Oficial de Idiomas. No primeiro caso, aínda que tamén hai algúns cedés interactivos ou sonoros, a maioría dos materiais doados son libros de distintos xéneros, autores/as e formatos, pero fundamentalmente “de bolsillo” para facilitar o seu manexo por parte das persoas maiores. En canto á EOI, as cinco caixas entregadas están cheas de materiais de todo tipo, tamén libros na súa maior parte, pero en distintos idiomas, facilitando deste xeito o acceso do alumnado a literatura das linguas que está estudando.
Dende a Concellaría de Cultura agardamos que tanto as persoas usuarias da residencia DomusVi coma o alumnado da Escola Oficial de Idiomas desfruten das lecturas e das escoitas de todo este material cultural.
Se queres coñecer os fondos das nosas bibliotecas, pincha máis abaixo.