O IES Alfredo Brañas acollerá no seu 50º aniversario unha escolma do legado do Fillo Predilecto de Carballo
O alcalde e o concelleiro de Cultura achegáronse hoxe ata o instituto para facer entrega do material, cedido temporalmente
Venres 5 de marzo do 2021
Marcos Trigo e Evencio Ferrero, coa directora do IES Alfredo Brañas, Mónica Mariño
Coincidindo co seu 50º aniversario, o IES Alfredo Brañas terá a oportunidade de expoñer unha escolma do legado doado polos descendentes do carballés máis ilustre ao Concello de Carballo. En resposta á petición realizada dende centro educativo, hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, fixeron entrega do material á directora, Mónica Mariño.
A cesión temporal inclúe varios libros, entre eles unha primeira edición de “El Regionalismo” dedicado por Alfredo Brañas a súa nai; un exemplar de “Bálsamo de fierabrás” que asinou para el Enrique Labarta Pose, ou outro de “A campana d’Anllóns” que lle dedicou Eduardo Pondal. Na exposición que organizará o IES Alfredo Brañas tamén poderán verse cartas manuscritas enviadas por Alfredo Brañas a súa nai entre os anos 1874 e 1899, o seu título de “Derecho civil y canónico” (1881), partituras do seu “Himno Galego” e de “Aire gallego”, a árbore xenealóxica, algunhas fotografías familiares e de actos póstumos, recortes de prensa, un plano da obra de ampliación da súa casa natal no ano 1955 ou o título orixinal de Fillo Predilecto que lle outorgou o Concello de Carballo no ano 2000, entre outros.
Ademais de todo o material legado ao Concello de Carballo pola familia de Alfredo Brañas, a exposición incluirá tamén o busto do escritor modelado pola artista carballesa Isa Fernández e un cadro do pintor local Miguel Anxo Calvo, O'Mighelo.
A directora do IES Alfredo Brañas agradeceu a cesión temporal desta mostra do legado do autor, que servirá para completar e complementar os actos conmemorativos do 50º aniversario do centro de secundaria decano da comarca. Pola súa banda, o alcalde e o concelleiro de Cultura agradeceron o interese do equipo directivo por seguir difundindo a figura, a obra e agora tamén o legado do autor carballés.