Cultura

Cultura

- 2024 +
- Novembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

O VII Carballo Interplay percorrerá as barricadas da comedia feminina en Internet

A autora da serie documental Nerfeadas, Marina Amores Blissy e a comentarista e divulgadora de eSports Minia Samku Monteagudo falarán tamén do machismo na industria do videoxogo, nunha conversa en liña especialmente pensada para os ce

Martes 27 de outubro do 2020

Lorena Iglesias, actriz, guionista e youtuber marxinal

Lorena Iglesias, actriz, guionista e youtuber marxinal

A versión "híbrida" da VII edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se celebrará os días 18, 19, 20 e 21 de novembro na capital bergantiñá atendendo ás restricións dictadas polas autoridades sanitarias, ofrecerá ao vivo e por streaming un completo repaso polas barricadas da comedia feminina, cun menú degustación de shows pensados, dirixidos e protagonizados por mulleres que desenvolveron os seus traballos desde a resistencia e desde internet, en distintos formatos e plataformas.

O público desta insólita edición do Interplay poderá coñecer de primeira man a proposta cómica da amesá afincada en Madrid Lorena Iglesias, unha actriz, guionista e youtuber marxinal que participa en programas de radio e colabora en eventos feministas e que desenvolve na Academia de Cinema a serie Millennials mal. Trae a Carballo o seu Necroshow, un show de humor semanal dunha hora de duración con vídeos, música urbana en vivo, ASMR e stand-up que saca o seu nome dunha frase de Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid, sobre a exhumación de Franco.

O Carballo Interplay ofrecerá tamén ao seu público a oportunidade de participar, ao vivo ou por streaming, no podcast semanal Carolina Iglesias e Victoria Martín, Estirando el chicle. Carolina Iglesias é unha guionista, cómica e presentadora coruñesa que se deu a coñecer no Chat de Operación Triunfo e colaborando en Yu (Los 40) e La Hora Yutuber de Vodafone Yu. Coñecida en internet coma Percebesygrelos, hai uns anos visitou o festival para falar da súa canle de youtube e  das súas paixóns: a cultura pop, Galicia e Eurovisión. Volve a Carballo acompañada pola xornalista, guionista e colaboradora de televisión e radio Vitoria Martín de la Cova, co-creadora e presentadora da canle de Youtube Living Postureo e do programa de Flooxer, Neox e Europa FM Problemas del Primer Mundo. Tamén colabora en Yu No Te Pierdas Nada e traballou como guionista para La Resistencia, de David Broncano; como colaboradora para Las Que Faltaban, de Movistar +, e participou en diferentes formatos na canle Comedy Central.

Lorena Iglesias, Victoria Martín (Living Postureo) e Carolina Iglesias (Percebes y grelos) ofrecerán os seus shows o venres 20 pola tarde e o sábado 21 pola mañá falarán con Sara García, máis coñecida como PennyJay, sobre por que custa asumir que as mulleres son tan graciosas coma os homes. PennyJay é a creadora, produtora, directora e presentadora do proxecto Riot Comedy, primeiro show de comedia feminina que reivindica a presenza de mulleres no mundo da comedia, e colaboradora en Señoras Fetén.

O Carballo Interplay completará o seu percorrido pola Internet máis feminista, diversa, aberta e disidente dirixindo a súa ollada ao proxecto Radio Primavera Sound e ao seu show Ciberlocutorio, un podcast en directo presentado polas xornalistas Anna Pacheco e Andrea Gumes, que contarán nesta ocasión cun convidado de excepción: Brays Efe. O actor, coñecido polo seu papel protagonista en Paquita Salas, móvese como peixe na auga entre o underground e o mainstream. Escribiu e dirixiu as súas propias curtametraxes, presentou distintos formatos na rede, colaborou en medios como en ICON, Vice ou I-D e en programas como Antes de que sea tarde e A vivir Madrid da Cadena SER. En Tu cara me suena conquistou cada semana a millóns de espectadores converténdose en Sara Montiel, C. Tangana ou Netta. Pacheco, Gumes e Efe analizarán, xunto co público do festival, a actualidade desde un enfoque social, feminista e millennial. Dirixen este Ciberlocutorio Anna Pacheco, cuxos textos apareceron en VICE, PlayGround, La Marea, Público e El País e que actualmente colabora na Cadena Ser; e Andrea Gumes, presentadora do programa diario Tardeo, en Radio Primavera Sound e de Tube d’ Assaig, en Betevé.

Marta Salicrú, xornalista musical con 15 anos de experiencia

Marta Salicrú, xornalista musical con 15 anos de experiencia

Tamén estará no Interplay a directora de Radio Primavera Sound, Marta Salicrú, unha xornalista musical con 15 anos de experiencia que participou como relatora en eventos internacionais da industria musical como Eurosonic Noorderslag (ESNS), Primavera Pro, M for Montreal and MIL ou Lisbon International Music Network e que en Carballo conversará sobre a importancia de impulsar e manter na rede unha radio feminista, diversa, aberta e disidente.

As mulleres nos videoxogos

Os videoxogos preséntanse como unha das industrias máis innovadoras pero en termos de igualdade, diversidade e inclusión están moi atrasados con respecto a outras industrias culturais. Por que sucede isto? Marina Amores, “Blissy”, directora da serie documental Nerfeadas, que aborda desde distintos ámbitos a cuestión do machismo na industria do videoxogo, e Minia “Samku” Monteagudo, comentarista e divulgadora de eSports, falarán sobre isto o xoves 19 pola mañá, nunha conversa por streaming especialmente pensada para os centros de Educación Secundaria. Aqueles ou aquelas docentes que estean interesadas en que o seu alumnado participe nesta actividade, poden contactar coa organización do festival a través do correo-e info@carballointerplay.com.

Compartir: