Nace o FIOT Fónico, unha aposta polo I+D+i cultural que mestura teatro sonoro, arte urbana e novas tecnoloxías
Hoxe asistimos á presentación de “A lúa, válvula de spray”, o primeiro espectáculo que se desenvolverá con este novo formato
Xoves 8 de outubro do 2020 Cultura
Quen dixo que estaba todo inventado non coñecía Carballo. Porque no noso concello somos quen de mesturar dous eventos tan potentes como o FIOT e o Rexenera Fest, poñerlles son e crear un concepto propio de I+D+i cultural no que, por descontado, son fundamentais as novas tecnoloxías. Nace o FIOT Fónico, un proxecto de teatro sonoro no que cambiamos as butacas polas rúas e o escenario do Pazo da Cultura pola arte urbana. Grazas á colaboración da área de Promoción Económica e Turismo, que desenvolveu a APP “Carballo a un paso” (dispoñible xa para Android e nuns días tamén para IOS), poderás asistir ás funcións de “A lúa, válvula de spray” que se desenvolverán a partir de mañá.
Hoxe coñecemos os detalles desta innovadora proposta teatral, que nace “coa intención de darlle continuidade”, como avanzou Carmen Castro, técnica de Cultura. Pero a estrea non podía ser máis ambiciosa, xa que o proxecto arrinca cunha coprodución entre o FIOT e Lidis (Laboratorio de Investigación en Innovación Social e Cultural Sostible) escrita pola carballesa Rosalía Fernández Rial e dirixida por Quico Cadaval, un dos grandes nomes do teatro galego. Xunto a eles estiveron Marcos PTT Carballido, creador do espazo sonoro de “A lúa, válvula de spray”; Alejandro Pan, de Lidiss; Xosé Regueira, concelleiro de Promoción Económica, e Evencio Ferrero, alcalde de Carballo, que se amosou "tremendamente orgulloso" de iniciativas que consiguen unir a tantas persoas e destacou a importancia de "tender pontes que permitan á sociedade acceder ás novas realidades da arte e a creación".
“A lúa, válvula de spray” é unha ficción sonora na que a escenografía é unha selección da arte urbana de Carballo. Todos os murais, como explicou Rosalía Fernández Rial, teñen determinados aspectos en común que permiten crear un percorrido artístico e ir adaptando os escenarios á peza teatral creada por Rosalía, pero o punto de partida é o de Milu Correch, no Fórum Carballo, “porque _explicou a autora_ o que máis me transmite en canto a teatralidade”. Santi Romay, Melania Cruz e María Roja son o actor e as actrices que dan vida aos personaxes desta historia que arrinca nunha noite de San Xoán.
Reserva de praza
Durante o FIOT en pausa, a veciñanza poderá asistir, como en calquera espectáculo teatral convencional, ás distintas funcións (un total de sete) que se ofrecerán da obra. Para poder facelo, previamente deberán realizar unha reserva da praza vía whatsapp, enviando ao teléfono 604 008 235 unha mensaxe na que indiquen o seu nome, apelidos e función a que desexen asistir.
Unha vez que a organización confirme a asistencia, para poder asistir á función as e os espectadores unicamente deberán descargar a aplicación gratuíta “Carballo a un paso”, que se estrea con esta experiencia, no seu teléfono móbil, e introducir o código que a organización enviará ás persoas con praza reservada. Inicialmente a app está dispoñible en Google Play e nos vindeiros días tamén estará dispoñible para as usuarias e usuarios de Apple na súa correspondente tenda de APP.
A partir do domingo 18, a obra permanecerá á disposición da cidadanía a través desta aplicación da Concellería de Turismo e Promoción Económica.