PRESENTACIÓN DO FIOT EN PAUSA CON ALBERTO SUEIRO E EVENCIO FERRERO
O FIOT fai unha pausa no 2020 pero mantén a súa aposta pola creación escénica galega
A 29ª edición do festival non se celebrará, pero a Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo propoñen unha programación teatral especial entre os días 9 e 18 de outubro
Mércores 23 de setembro do 2020 Cultura
Alberto Sueiro e Evencio Ferrero presentaron un FIOT "único"
"Ás veces, para continuar, cómpre facer unha parada, coller folgos e reiniciar". O director do FIOT e presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, anunciou no Pazo de Cultura que o FIOT non celebrará a súa 29ª edición, prevista para este outono, co obxectivo de poder garantir "o futuro e a viabilidade nos vindeiros anos dun festival necesario para fornecer o tecido cultural e escénico de Galicia como da propia entidade cultural que promove a cita".
No acto, no que tamén participou o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, Alberto Sueiro sinalou que a organización “leva moitos meses traballando con ilusión nesta edición”. “Contabamos cunha extensa programación, con numerosas actividades para todos os públicos e funcións con compañías galegas, estatais e internacionais, pero a incerteza provocada polo contexto sanitario, a redución de butacas nos recintos culturais e a dificultade de financiación impiden que desenvolvamos esta 29ª edición”, expuso o director do FIOT, quen lembrou que no pasado 2019 o FIOT contou con máis de 16.000 asistentes as súas propostas. “Intentámolo até o último momento. E aínda que na Costa da Morte estamos acostumados ao bater con fereza das ondas do Atlántico, nesta ocasión gardaremos toda a nosa bravura para asumir un novo reto: facer unha pausa que nos permita garantir o futuro do corazón das artes escénicas en Galicia”, dixo.
Evencio Ferrero: "É verdade que non pode ser o mellor FIOT da historia, algo que se estaba conseguindo ano tras ano, pero será o máis singular da historia, un FIOT único, e haino que desfrutar na medida en que poidamos"
Porén, a pesar desta parada, a asociación Telón e Aparte e o Concello de Carballo comprométense a ofrecer unha programación escénica no mes de outubro, entre os días 9 e 18, para manter a súa aposta polo tecido cultural. “O noso compromiso co público e coas compañías mantense intacto. Nun momento no que é máis necesario ca nunca apostar pola creación e proclamar que a cultura é segura, garantimos que, en Carballo, este outono haberá teatro”, afirmou Alberto Sueiro, ademais de insistir no compromiso do Concello de Carballo, que, ao contrario que outras administracións, "estivo á altura".
Nese sentido, Evencio Ferrero indicou que dende o Concello de Carballo sempre se apostou, e se segue a apostar, pola cultura, "porque tamén é economía. E, lamentablemente, este ano ano tamén a economía de Carballo vai padecer a ausencia de teatro continuo, ese reclamo que eran as rúas cheas de xente, os contacontos nos bares, a actividade social post-teatro... Pero esta pausa tamén nos ten que servir para reflexionar e para coller forzas, unha pausa para seguir avanzando e seguirnos comprometendo dunha maneira tremendamente decidida coa cultura, o teatro, o espectáculo e as distintas artes nas que Carballo sempre quixo ser e seguirá sendo unha referencia".
Programación
Organizadores, voluntarios e autoridades, sobre o escenario
Así, entre os días 9 e 18 de outubro, celebrarase FIOT en pausa, unha programación que incorpora “o selo de calidade do FIOT” e que achegará algúns dos traballos máis destacados e laureados da tempada escénica a Carballo. Pezas como Curva España, de Chévere (sábado 10), A lingua das bolboretas, recentemente estreada en Ourense (luns 12), Liberto, que opta a 7 galardóns nos Premios María Casares (sábado 17), ou Prostitución, que conta no seu reparto con Carmen Machi e Nathalie Poza (domingo 18), representaranse o vindeiro mes no Pazo de Cultura de Carballo. “Falamos dunha pequena selección de pezas que, a ollos do público, gardan de seu a esencia do noso FIOT”, engadiu o director de Telón e Aparte, asociación organizadora do evento.
FIOT en pausa manterá o espírito de aposta pola creación escénica galega do festival e ofrecerá ao longo de dez xornadas diferentes estreas absolutas e funcións de compañías e creadores da terra “nun exercicio de apoio e resistencia ao noso tecido”, aseverou Sueiro. É o caso de propostas de formato non convencional como A xente 2.0, unha creación de María Vázquez e Víctor Duplá (venres 16), ou Live, unha performance dunha actriz galega que se agocha detrás da personaxe Emma Santos (sábado 10). Esta última, ao igual que Curva España, son exemplo dunha das apostas desta singular programación: a selección de dramaturxias que fusionan elementos presenciais e o virtuais a través dun uso innovador da cultura dixital e a tecnoloxía.
FIOT Fónico
Unha das singularidades máis salientables deste FIOT en pausa é a estrea absoluta dunha ficción sonora coproducida por FIOT e LIDISS (Laboratorio de Investigación en Innovación Social e Cultural Sostible) na que a escenografía é unha selección da arte urbana que se atopa en Carballo. A lúa, válvula de spray, será a primera das creacións do FIOT Fónico, un proxecto que nace con vocación de continuidade e que pretende explorar novos formatos e as posibilidades que ofrecen ferramentas tecnolóxicas innovadoras para achegar experiencias teatrais singulares na comarca.
A lúa, valvula de spray, é unha creación da artista multidisciplinar carballesa Rosalía Fernández Rial, na que a contorna é desencadeante dunha ficción teatral. Dirixida por Quico Cadaval, a obra, que se estreará o 9 de outubro, é un espectáculo itinerante que se pode percorrer na localidade a través de seis escenarios ou murais que se atopan nas fachadas de Carballo. A peza poderase escoitar desde os dispositivos móbiles previa descarga dunha aplicación.
Apoio á creación
O acto celebrouse no auditorio do Pazo da Cultura
Outra das liñas de programación habituais do festival, o Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado (M2 ), tamén xogará un papel fundamental este outono en Carballo, ao ofrecer a posibilidade de coñecer seis espectáculos de nova creación, dos cales cinco serán estreas absolutas. Espazos como o Salón de Plenos da Casa do Concello, a Ludoteca Municipal, o Casino 1889, a Biblioteca Rego da Balsa ou as aulas do Pazo da Cultura acollerán propostas da cuarta edición do certame, que inclúe pezas de creadoras como Iria Pinheiro, Helena Salgueiro ou Ana Abad de Larriva, entre outras, e das que se poderán gozar os días 10, 11 e 17 de outubro.
Este apoio á creación local, ademais, reforzarase cun proxecto paralelo de artes plásticas nomeado Pandemia. Novos retos. Durante este ano a Concellería de Cultura lanzou un desafío a un colectivo de artistas profesionais e amadores da comarca, de traxectorias e modalidades artísticas diversas, co obxectivo de dar a coñecer a visión das autoras e autores sobre o momento que estamos a vivir. Os case 20 participantes crearon obras plásticas cun nexo común e o seu resultado poderase ver nunha mostra colectiva que acollerá o Pazo da Cultura a partir do vindeiro 7 de outubro.
Entradas e información
A limitación da capacidade dos recintos culturais por prevención da covid-19 supoñen tamén unha redución no número de entradas dispoñibles para as funcións deste FIOT en pausa. Nos vindeiros días tanto a Asociación Cultural Telón e Aparte como o Concello de Carballo ofrecerán con máis detalles sobre a proceso de obtención dos billetes de acceso aos espectáculos, e lembran que as pezas do Metro Cadrado son de acceso gratuíto, previa reserva ao correo fiot.microteatroentrada@gmail.com.