“ASOMBRATE COA LECTURA”
A Praza dos Libros cede o seu espazo a unha campaña de fomento da lectura en colaboración coas librarías locais
Do 1 ao 15 de agosto, mercar un libro nos establecementos que viñan participando na Praza dos Libros ten desconto e tamén premio
Venres 31 de xullo do 2020
A Praza dos Libros tal como a viñamos celebrando ata agora, con multitude de actividades arredor das casetas das librarías e das nosas feiras, non ten cabida nesta estraña normalidade que estamos a vivir; pero iso non significa que dende a Concellaría de Cultura non queiramos seguir apostando pola promoción da lectura e das librarías. Máis ben ao contrario, queremos involucrarnos cos distintos sectores económicos que están a padecer os efectos colaterais da COVID-19, como é o caso das librarías, e en colaboración coas cinco do noso concello que veñen participando ano tras ano na Praza dos Libros imos desenvolver unha campaña coa que trataremos de contribuír á consecución dese obxectivo.
Do 1 ao 15 de agosto “Asómbrate coa lectura”, e faino en todos os sentidos da palabra. Porque poucas cousas hai que poidan causar máis admiración ou sorpresa que un libro, e porque nestes días de calor poucas cousas se agradecen máis que unha boa sombra para mergullarse entre as páxinas dunha boa historia literaria.
E se queres asombrarte aínda máis só tes que achegarte ás librarías Brañas Verdes, Ler, Punto e Coma, Teldy e Trasgo, porque te recibirán cun 5% de desconto en todos os libros que merques (agás os de texto) e por cada 15 euros de compra recibirás unha tarxeta-rasca coa que, ademais de utilizala como marcapáxinas, podes conseguir outros vales desconto de 15 euros para seguir mercando libros no mesmo establecemento. Mola, non?