A Concellaría de Cultura aborda co movemento asociativo as consecuencias da redución da actividade pola COVID-19
Iniciada unha rolda de xuntanzas telemáticas coas entidades culturais, e a continuación serán convocadas as comisións de festas
Mércores 27 de maio do 2020 Cultura
As xuntanzas comezaron xa a semana pasada
Do mesmo xeito que dende a Concellaría de Deporte se mantiveron xuntanzas con todos os clubs, que dende a área de Igualdade e Benestar estamos en contacto permanente coas entidades sociais ou que dende Promoción Económica se está a traballar cos diferentes colectivos profesionais no plan de reactivación económica, dende a Concellaría de Cultura tamén está en marcha unha rolda de conversas co movemento asociativo para coñecer o impacto causado pola crise sanitaria provocada pola COVID-19 e poñer en común as expectativas de cara ao futuro.
O concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e a técnica Carmen Castro levan celebradas xa varias xuntanzas, pero os encontros telemáticos continuarán ao longo de toda esta semana que vén dado o elevado censo de entidades que desenvolven actividades culturais no noso concello, e posteriormente iniciarase outra rolda de contactos coas comisións de festas.
Para poder realizar unha diagnose da situación resulta fundamental coñecer a situación de cada unha das asociacións como consecuencia da crise sanitaria, tanto no que se refire á suspensión de actividades e ás posibles dificultades para reprogramalas e realizalas noutras datas, como no referente ás desviacións orzamentarias provocadas pola redución ou mesmo paralización da actividade. Por outra banda, dende a Concellaría de Cultura queremos coñecer as perspectivas de actividade de cada entidade de cara ao ano que vén coa finalidade de poñer en común os diferentes proxectos e procurar solucións e medidas de colaboración para que o rico movemento asociativo do noso concello poida retomar a actividade cultural nas mellores condicións.