REXISTRADAS 52 ALTAS NA PLATAFORMA DIXITAL DURANTE O CONFINAMENTO
A rede municipal de bibliotecas de Carballo restablecerá de maneira progresiva os servizos de préstamo e devolución
A partir da semana que vén implantarase o servizo de préstamo mediante o sistema de cita previa
Xoves 21 de maio do 2020 Cultura
Biblioteca Municipal (foto de arquivo)
A rede municipal de bibliotecas de Carballo restablecerá progresivamente o servizo de préstamo e devolución. Actualmente está operativo o servizo de devolución, aínda que os préstamos están prorrogados até o 11 de xuño para que as devolucións se poidan facer dunha maneira máis graduada e evitando a aglomeracións. As persoas usuarias das bibliotecas municipais poderán facer as devolucións nas caixas de correo situadas á entrada das bibliotecas.
Os libros devoltos estarán en corentena durante 14 días e non aparecerán no catálogo ata que remate ese período. Por ese motivo introduciremos un cambio na política de préstamos, que quedarán reducidos a un máximo de dous libros (antes eran 5) e dous audiovisuais (1 DVD e 1 CD) e non poderán facerse renovacións.
A partir da vindeira semana implantarase o servizo de préstamo mediante o sistema de cita previa. Esta implantación farase de forma progresiva, primeiro na biblioteca do Museo de Bergantiños e posteriormente na Rego da Balsa, seguindo uns estritos protocolos de seguridade. As reservas poden facerse no horario de atención telefónica habilitado en calquera das dúas bibliotecas ou a través do correo electrónico. Aquelas persoas que o desexen poden consultar o catálogo para coñecer a dispoñibilidade dos materiais.
Estado de alarma
Os edificios que albergan as bibliotecas da rede municipal están pechados ao público desde a declaración do estado de alarma, pero mantivemos este servizo público a través dos medios dixitais, facilitando diariamente información, recomendacións de interese e servizos de préstamo bibliotecario online, manifestando así unha gran fortaleza dixital en tempos de confinamento.
Proba desa fortaleza son as altas rexistradas na plataforma de préstamo de obras en formato electrónico, que conta con 52 novos usuarios e usuarias no noso concello dende o inicio do estado de alarma.
Ata fases posteriores do plan de desescalada non está previsto que se permita o servizo de lectura en sala de materiais da biblioteca nin o estudo, posto que todo o material que se manipule deberá depositarse posteriormente en corentena para evitar o risco de contaxio. O obxectivo principal será garantir a protección da saúde e a seguridade, tanto do persoal das bibliotecas como das persoas usuarias dos servizos.
Contacta coas bibliotecas
- Biblioteca Municipal de Carballo: 981 70 40 41
- Biblioteca Municipal Rego da Balsa de Carballo: 981 75 85 80 / Correo electrónico: biblioteca@carballo.gal
- Consulta do catálogo: https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/