#DESDEAMIÑACASIÑAMEULAR
A Concellaría de Cultura convida á cidadanía a converterse en protagonista do Día das Letras Galegas
Do 4 ao 17 de maio celebraremos un concurso en Instagram, aberto a participantes de todas as idades, para poñer en valor a literatura galega
Luns 4 de maio do 2020
Aínda que a Real Academia Galega adiou para o 31 de outubro o pleno do Día das Letras Galegas por mor da crise sanitaria provocada polo COVID-19, o Concello de Carballo non quere deixar pasar de longo unha data tan sinalada no noso calendario cultural coma o 17 de maio. Por iso, dende a Concellaría de Cultura convidamos a toda a cidadanía a conmemorar o Día das Letras Galegas dun xeito diferente, moi participativo, que permita poñer en valor a lingua galega a través de Instagram.
O Día das Letras Galegas celébrase o 17 de maio co gallo de ser a data da edición da obra de Rosalía de Castro “Cantares gallegos”, no que está incluído un dos seus poemas máis coñecidos, “Adiós ríos, adiós fontes”. E precisamente escollemos o último verso, “Miña casiña! Meu lar!” como símbolo, tras estas semanas de confinamento, de que tamén as nosas letras precisan asomarse ao mundo a través da ventá das redes sociais.
O que vos propoñemos é convertervos en protagonistas, a través dunha iniciativa que se vai desenvolver dende o 4 ata o 17 de maio en Instagram.
E como podedes participar? Aquí tedes todas as opcións:
- Publicar un vídeo de 1 minuto de duración como máximo no que vós sexades os/as protagonistas: recitando poesía, lendo ou interpretando calquera texto en prosa ou verso, teatralizando algunha obra, cantando ou tocando... Hai dúas condicións: que sexan obras de autores e autoras homenaxeados o Día das Letras Galegas e que o vídeo estea gravado nas vosas casas.
- Publicar unha fotografía, debuxo ou ilustración de calquera dos autores ou autoras homenaxeados ou relacionados coas súas obras.
- Tanto os vídeos coma as fotografías poderán ir acompañados de textos en galego.
- Todas as publicacións deberán incluír como mínimo o hashtag #desdeamiñacasiñameular.
- Para participar no concurso será necesario etiquetar a conta @carballomola.
- A participación pode ser individual ou colectiva.
- Haberá 6 premios, consistentes en libros de autores/as locais e agasallos co lema “eu quero a Carballo”: 1 para o vídeo individual infantil con máis “gústame”, 1 para o vídeo individual de adultos con máis “gústame”, 1 para o vídeo colectivo con máis “gústame”, 1 para a foto individual infantil con máis “gústame”, 1 para a foto individual de adultos con máis “gústame” e 1 para a foto colectiva con máis “gústame”.
- Serán válidos todos os “gústame” rexistrados entre as 00:00 horas do 4 de maio e as 24:00 horas do 16 de maio.
- Os premios faranse públicos o 17 de maio, e a entrega dos mesmos terá lugar cando a crise sanitaria provocada polo COVID-19 o permita.