A Biblioteca Rego da Balsa pechou o seu quinto ano de historia con 5.118 usuarios/as
O alcalde, Evencio Ferrero, asinou o novo contrato de xestión para os vindeiros tres anos coa empresa LTM Servicios Bibliotecarios S. L.
Venres 31 de xaneiro do 2020 Cultura
Biblioteca Rego da Balsa
Na Biblioteca Rego da Balsa entregamos o carné número 5.000 coincidindo co quinto aniversario da súa posta en funcionamento e coa celebración do Día Internacional da Biblioteca, o 24 de outubro. Pero a cifra de usuarios/as seguiu aumentando ata os 5.118 cos que rematou o ano. A Biblioteca Rego da Balsa, ademais, continúa a ser das primeiras de Galicia en usuarios/as activos/as, cun total de 1.984, unha cifra que mellora tamén en relación cos anos anteriores. E, na mesma liña, tamén segue aumentando o número de préstamos: no ano 2019 foron 21.255, aos que habería que engadir 112 préstamos de literatura francesa da Asociación de Irmanamento con L’Isle Jourdain.
Todos estes datos son un reflexo do gran movemento que se rexistra ao longo de todo o ano na Biblioteca Rego da Balsa, que nestes cinco anos foise convertendo nun dos epicentros da actividade cultural do noso concello, porque, ademais de poñer a disposición das persoas usuarias libros, cómics, discos, videoxogos, xornais, revistas, películas... o edificio acolle numerosas actividades de promoción cultural, como podedes comprobar máis abaixo no cartel correspondente a este trimestre.
Sinatura do contrato
A Concellaría de Cultura quere seguir potenciando este servizo, tan ben valorado pola cidadanía, con novas propostas. Precisamente, o alcalde, Evencio Ferrero, vén de asinar o contrato de xestión dos servizos bibliotecarios municipais para os próximos tres anos, nun acto no que tamén estivo presente o concelleiro delegado da área, Marcos Trigo. No concurso público convocado polo Concello de Carballo resultou adxudicataria a empresa LTM Servicios Bibliotecarios S. L. cun orzamento anual de 101.640 euros.