PODES VISITALA ATA O 16 DE FEBREIRO NO PAZO DA CULTURA
O fotógrafo Xesús Búa rende a súa particular homenaxe aos percebeiros na exposición "Homes e mulleres de sal e ferro"
A mostra foi inaugurada este mércores coa participación da escritora Rosalía Fernández Rial, o concelleiro Marcos Trigo e o alcalde de Carballo
Mércores 15 de xaneiro do 2020 Cultura
A sala do Andar -1 do Pazo da Cultura encheuse para a inauguración da exposción fotográfica "Homes e mulleres de sal e ferro", do muxián Xesús Búa, a quen acompañaron a escritora carballesa Rosalía Fernández Rial, con raíces tamén en Muxía; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e o alcalde, Evencio Ferrero.
Quen visite a mostra poderá gozar non só das fermosas imaxes, senón tamén de obxectos que lle regalaron a Búa os percebeiros, protagonistas absolutos de "Homes e mulleres de sal e ferro": zapatillas deportivas, traxes de neopreno e ata poemas, como o de Rosalía Fernández transcrito nunha das columnas da sala.
Búa declarouse "fillo artístico de Ramón Caamano e neto de Ruth Mathilda Anderson" e explicou que a exposición é un estudo etnográfico que se estende desde hai anos e que non ten final no tempo: "É unha continuación de estar vivindo con esta xente, os percebeiros, que son certamente homes e mulleres de sal e ferro". "Como Mathilda Anderson -engadiu- eu o que quixen con estas fotografías e roubarlle instantes á morte".
Evencio Ferrero tivo emocionadas palabras de recordo para o percebeiro, poeta e activista malpicán Paco Souto, morto no mar, quen compartiu tamén amizade e poesía con Rosalía Fernández. "En todo este territorio da Costa da Morte -asegurou- o que si hai son uns magníficos artistas e uns magníficos fotógrafos, que, como no caso de Búa, saben captar e transmitir realidades, neste caso a dura vida dos percebeiros".
A mostra permanecerá aberta ata o 16 de febreiro, no Andar -1, de luns a domingo, de 17:00 a 21:00 horas.