SERÁ INAUGURADA O DÍA 28 CUNHA VISITA GUIADA
Carballo acollerá unha exposición de fotografías realizadas por Ruth Matilda Anderson en Galicia entre 1924 e 1926
A mostra forma parte dun convenio asinado entre o Concello de Carballo, Abanca e Afundación
Mércores 20 de novembro do 2019
A firma do convenio realizouse na Alcaldía
O Concello de Carballo, Abanca e Afundación veñen de asinar un convenio enmarcado no proxecto “Corrente cultural”, que permitirá achegar ao noso concello unha exposición de primeiro nivel: “Unha mirada de antano: fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia”, que poderá verse do 28 de novembro ao 31 de decembro no Pazo da Cultura. Na sinatura do acordo de colaboración participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o director de banca institucional de Abanca na Coruña, José Manuel Vilariño, e a coordinadora da área de cultura de Afundación, Marité Cores.
Durante algo máis dun mes poderemos gozar dunha impresionante selección de imaxes que forman parte do conxunto de instantáneas que a pioneira das fotógrafas da Hispanic Society of America realizou en Galicia entre os anos 1924 e 1926, acompañada polo seu pai, Alfred Theodore Anderson.
A prestixiosa institución posúe no seu arquivo neoiorquino a maior colección de arte hispana fóra de España, con máis de 18.000 pezas, e foi galardoada co Premio Princesa de Asturias no ano 2017.
Ruth Matilda Anderson realizou en Galicia dúas extensas campañas fotográficas, de 1924 a 1926, que definiron a metodoloxía fotográfica da Hispanic Society. O traballo da moza Anderson converteuse na procura e recompilación de evidencias dos costumes do pobo galego, dedicándose ao que resultaba máis difícil: documentar a vida das xentes, en especial das zonas de complicado acceso. Ata entón, nin as actividades da poboación traballadora do campo e do mar nin a cultura material de Galicia foran obxecto de principal atención para a fotografía. O resultado do seu traballo acabou sendo un verdadeiro estudo antropolóxico.
A exposición será inaugurada o día 28 ás 20.00 horas cunha visita guiada.