A CITA, O 9 DE XUÑO
A Classic Car Carballo celebra o seu quinto aniversario cun amplo programa de actividades
O prazo de inscrición está aberto ata o día 2
Xoves 30 de maio do 2019 Cultura
A presentación tivo como decorado dúas xoias da automoción. Esta é unha delas
A Asociación Cultural Vehículos Clásicos Classic Car xa ten a punto a quinta edición da concentración anual que organiza coa colaboración do Concello de Carballo, e hoxe presentaron, con dúas auténticas xoias da automoción como decorado, as actividades que se desenvolverán o 9 de xuño. Os representantes da entidade organizadora estiveron acompañados polo alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deporte e Cultura, Marcos Trigo.
O punto de encontro dos participantes na concentración será a fábrica de Conservas Calvo, que é outro dos colaboradores. Neste punto realizarase a entrega de dorsais. Haberá un café de benvida e ademais os participantes poderán gozar dunha exposición de vehículos de competición.
Ás 11.45 arrancará a comitiva a ruta polos concellos de Carballo e A Laracha, para rematar no Pazo de Vilar de Francos, onde se celebrará o xantar. Despois os vehículos dirixiranse á Praza do Concello de Carballo, onde permanecerán expostos desde as 17, aproximadamente, para deleite de todo o público que queira achegarse. Para amenizar a xornada está prevista, na mesma praza, a actuación do DJ Frank Fairlane, e ademais haberá sorteo de agasallos entre os participantes.
Este ano a Classic Car volve a ter unha parte solidaria. Así, tanto os participantes como os espectadores que o desexen poderán achegar, voluntariamente, alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene e alimentación infantil para a Cruz Vermella no posto que estará instalado pola tarde na Praza do Concello.
Para máis información e inscricións están dispoñibles os teléfonos 647607037 e 679174276. O prazo remata o 2 de xuño.