O CEIP Xesús San Luís Romero volve a gañar o Premio Concurso-Exposición Letras Galegas cun traballo sobre Antonio Fraguas
Autoridades autonómicas e locais, representantes dos centros de primaria do concello e toda a comunidade educativa celebrou hoxe este novo galardón
Luns 6 de maio do 2019
Por segundo ano consecutivo, o colexio carballés Xesús San Luís Romero gañou o Concurso-Exposición Letras Galegas, convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, coa colaboración da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, na modalidade de Educación Infantil e Primaria. Hoxe celebrouse o acto de entrega do premio coa asistencia do alcalde, Evencio Ferrero; a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; Conchi García, delegada de Cooperativas Lácteas Unidas; María Luisa López, directora do San Luís Romero, e Carolina Martínez, en representación da familia de Antonio Fraguas.
O traballo premiado, “Antonio Fraguas, con A de agarimo e F de folclore”, ofrece un percorrido polos momentos máis significativos na vida e obra do autor que será honrado este ano no Día das Letras Galegas. O galardón inclúe unha exposición que percorrerá os centros escolares de Galicia e unha dotación en metálico de 2.000 euros para a que xa hai varios posibles destinos, coma a instalación de fío musical, a reforma da biblioteca ou o cambio de chan da aula de infantil.
O obxectivo do certame é potenciar o coñecemento do autor homenaxeado, neste caso Antonio Fraguas, a través dunha exposición de 10 carteis. A innovación que volveu a introducir o equipo de docentes e alumnado do CEIP Xesús San Luís Romero consiste en códigos QR polos que se pode acceder ao contido en linguaxe de signos.
Nas seguintes ligazóns podedes comprobar a excelente calidade do traballo realizado polo alumnado do Xesús San Luís Romero. Moitos parabéns!