XORNADA DE ENTROIDO, TEATRO E MÚSICA
O concurso e desfile de disfraces, suspendido o Domingo de Entroido polo mal tempo, celebrarase o sábado 16 de marzo
Participarán as comparsas e carrozas que xa estaban inscritas, e o resto das categorías poderán anotarse o mesmo día
Xoves 7 de marzo do 2019 Cultura
Xa temos data para o concurso e desfile de disfraces que non puido celebrarse o Domingo de Entroido polo mal tempo: o sábado 16 de marzo. Anota na axenda, porque vai ser unha xornada espectacular! Ademais de disfraces asistiremos á estrea da última montaxe da Aula de Teatro Municipal no Pazo da Cultura e a un novo concerto do Curruncho Pop na Biblioteca Rego da Balsa.
O concurso e desfile de disfraces cambia de día e tamén de hora. Atención, porque empezará ás 17 horas, polo que as inscricións de participantes individuais ou en grupo poderán facerse de 15 a 16 horas na entrada da Casa do Concello. Tanto as comparsas coma as carrozas, 21 en total, confirmaron a súa presenza en Carballo, polo que contamos xa con preto de medio millar de participantes, a falta dos que se anoten a partir de agora.
Este ano incrementamos a contía dos premios ata os 8.500 euros, dos cales 4.000 destinaranse ás gratificacións por participación (de 125, 200 e 250 euros: dependendo do número de membros, aos 20 primeiros inscritos nas modalidades de carrozas ou comparsas infantís ou de adultos), e o resto repartirase entre os gañadores.
ESTREA TEATRAL
O sábado 16 celebrarase outro gran acontecemento cultural en Carballo: a estrea da última montaxe da Aula de Teatro Municipal, “A bonitísima historia da princesa Maricarmen”, adaptada e dirixida por Artur Trillo. Haberá dúas representacións durante a fin de semana. A primeira será o sábado ás 19.30 horas e a segunda, o domingo ás 18.00 horas, ámbalas dúas no Auditorio do Pazo da Cultura. Para asistir a calquera delas é preciso reservar os convites antes do 13 de marzo nas oficinas do Pazo da Cultura, e horario de 10.00 a 14.00.
CURRUNCHO POP
E, como colofón á xornada, o sábado a partir das 20.30 horas desfrutaremos na Biblioteca Rego da Balsa dun novo concerto do Curruncho Pop. Nesta ocasión será unha cita dobre, xa que nos acompañarán Son Los Grillos e Birds Are Indie.
A vocalista Marta Rodríguez e o músico Mauricio Mora forman Son Los Grillos, un dúo valenciano que nos agasalla cun folk psicodélico de belísima factura. ‘Garden Of Clouds’ (2018) é o seu terceiro disco desde o seu debut homónimo en 2010.
Desde Coimbra chegan Birds Are Indie, da man de Ricardo Jerónimo, Joana Corker e Henrique Toscano. Banda independiente entre o folk e o pop e cun claro aire lo-fi. Gañáronse o favor do público e da crítica grazas a unha excelente e ampla discografía. O seu ultimo traballo leva por título ‘Local Affairs’ (2018).
A entrada é de balde, pero, por cuestións de aforo, é preciso reservar convite con antelación chamando ao teléfono 981 758 580.