CALQUERA CAMBIO MOTIVADO POLO MAL TEMPO SERÍA COMUNICADO A TRAVÉS DAS NOSAS REDES SOCIAIS
15 comparsas e 6 carrozas inscritas para o tradicional concurso e desfile de disfraces do Domingo de Entroido
Os grupos e os disfraces individuais aínda poderán anotarse mañá, antes do certame
Sábado 2 de marzo do 2019 Cultura
Carroza gañadora do ano pasado
Presentada polo Mago Álex, este domingo 3 de marzo celebrarase a actividade máis emblemática do Entroido de Carballo e un dos desfiles con máis tradición da comarca. Nas vindeiras horas estaremos moi pendentes da evolución do tempo e das posibles consecuencias que poida ter sobre o concurso. Calquera cambio sería comunicado á maior brevidade tanto na sección de avisos de www.carballo.gal coma a través das redes sociais do Concello de Carballo e Cultura Carballo.
Como en anos anteriores, o concurso está dirixido tanto a adultos/as como a nenos/as e contempla diferentes modalidades de participación: individual, grupos, comparsas e carrozas, así como un premio especial ao Choqueiro de Bergantiños (participante que pode estar inscrito en calquera das categorías). No primeiro prazo inscribíronse 15 comparsas (9 na categoría de adultos e 6 na infantil) e 6 carrozas, que xa suman case medio millar de participantes. Este dato aínda non é definitivo, xa que para as modalidades de grupos e individuais o prazo remata o mesmo día do desfile. As inscricións poderán facerse entre as 16 e as 17 horas na entrada da Casa do Concello.
Este ano incrementamos a contía dos premios ata os 8.500 euros, dos cales 4.000 destinaranse ás gratificacións por participación (de 125, 200 e 250 euros: dependendo do número de membros, aos 20 primeiros inscritos nas modalidades de carrozas ou comparsas infantís ou de adultos), e o resto repartirase entre os gañadores.
Charanga Mekánika
O número e procedencia dos concursantes exemplifica que o interese do desfile vai máis alá do concello e da comarca, xa que ademais de concursantes de Carballo, participarán grupos de Santiago, Arteixo, Carral, Vimianzo, A Coruña, Oroso, Brión, Cambre, Camariñas, Ames, Tordoia ou A Laracha. O desfile estará animado pola charanga Mekánika.
Oxuradoque terá a difícil tarefa de avaliar aos participantes estará composto polos seguintes membros:
- Marcos Trigo Facal, concelleiro de Cultura do Concello de Carballo, como presidente do xurado.
- Alejandro Torres Louzao “Mago Álex”, ilusionista,
- Ramón Varela Rodríguez, AC A Torre Vixía
- Rocío Lema Tasende, AA VV Sta. María de Ardaña
- Celia Calvelo Cancela, AAVV Sta. María de Ardaña
- Ana Porteiro Lorenzo, Aula de Teatro Municipal de Carballo
- Mª del Carmen Castro Pombo, Servizo de Cultura do Concello de Carballo
- María José Martínez Veira, Servizo de Cultura do Concello de Carballo, como secretaria do xurado
Este ano haberá dous itinerarios en función das categorías: rúas Cervantes, Gran Vía, Rosalía de Castro, Valle Inclán, Colón e Desiderio Varela para as categorías infantil, individual e grupos, mentres que comparsas e carrozas sairán do Xardín Municipal cara a Gran Vía, Doutor Fleming, Valle Inclán, Colón e Desiderio Varela. As comparsas e carrozas poderán realizar unha interpretación musical, coreográfica ou escénica diante do escenario dunha duración máxima de 2 minutos. A duración estimada do desfile é de 1h 30/45 min.
En consonancia coas recomendacións e medidas de seguridade que deberán cumprir os participantes, prégase aos espectadores que respecten os espazos reservados para eles, que non crucen as rúas mentres transcorre o desfile e, especialmente que os país vixíen aos nenos e manteñan aos máis pequenos agarrados das mans.
A Policía Local de Carballo e o Servizo Municipal e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil serán os encargados de velar pola seguridade, aos que a Concellaría de Cultura, organizadora deste evento, agradece o seu labor e colaboración. Ademais colaboran para que todo se desenvolva correctamente a Brigada Municipal de Obras, o servizo de limpeza viaria AspaberUte e a concesionaria do alumeado público Ferroser – Ferrovial.
Orquestra Trébol
Unha vez rematado o desfile, será a quenda do baile de disfraces, patrocinado pola concellería de Terceira Idade, coa orquestra Trébol, orquestra vinculada a Carballo xa que varios dos seus membros son da nosa vila. No transcurso do baile, aproximadamente ás 20.30/21.00 horas, realizarase e a entrega de premios.
As actividades están previstas para a Praza do Concello. Esperamos que as condicións meteorolóxicas nos deixen celebrar o desfile. Se se volvesen máis adversas pospoñeríase ou suspenderíase, xa que non está previsto o seu traslado.