O fotógrafo carballés Marcos Rodríguez proponnos un achegamento a Costa de Marfil a través dos ollos dos nenos
Inaugurada no Pazo da Cultura a súa exposición “Miradas de marfil” coa presenza do alcalde, o concelleiro de Cultura e Manuel Pensado, da ONG Égueire
Venres 22 de febreiro do 2019 Cultura
Evencio Ferrero, Marcos Rodríguez, José Manuel Pensado e Marcos Trigo
“Vin con máis de 10.000 fotografías, das que, entre José Manuel [José Manuel Pensado, da ONG Égueire] e eu, escollemos as 31 que podedes ver nesta mostra e que pretenden ser unha mirada a Costa de Marfil desde os ollos dos nenos; unha mirada inocente que non agocha as súas durísimas condicións de vida”. Así explicou o fotógrafo carballés Marcos Rodríguez o significado de “Miradas de marfil”, a exposición que inauguramos este xoves e que poderedes visitar ata o 13 de marzo no Andar -1 do Pazo da Cultura. Nunha sala que reuniu a numeroso público, Rodríguez estivo acompañado polo alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e José Manuel Pensado. “Quixen reflectir –engadiu- o que os meus ollos ven ou o que quero que vexan os vosos ollos, porque ese é o traballo do fotógrafo, e máis no caso da reportaxe gráfica”.
Entre esas 31 imaxes está a que lle valeu a Rodríguez o premio Golden Camera of the Year 2018 na categoría de reportaxe gráfico, galardón que outorga a Federación Europea de Fotógrafos Profesionais e que o carballés xa recibiu en 2017 e do que foi finalista en 2016.
A exposición pode visitarse no Andar -1 do Pazo da Cultura
Marcos Rodríguez visitou Costa de Marfil en 2017 coa ONG Égueire, fundada en Mazaricos e moi vinculada á Costa da Morte, que leva a cabo diversos proxectos de cooperación naquel país e noutros de África.
O alcalde, o concelleiro e o representante de Égueire coincidiron na beleza da exposición. “É fácil apreciar, á parte da calidade fotográfica, a emotividade que desprende cada fotografía”, afirmou Trigo. “As imaxes reflicten, cunha estética fermosa, as carencias que teñen en Costa de Marfil, pero tamén, en menor medida, a súa riqueza, que ben podedes comprobar. Cada unha ten unha vida, unha historia detrás que ás veces non é fácil de ver. Lede entre liñas, que é o que eu creo que Marcos e as súas fotos intentan transmitir”, dixo Pensado. “O foco de Marcos sempre nos transmite cousas, unha sensibilidade especial en imaxes que se ve que están feitas con moito cariño”, declarou Ferrero.