A CINTA FOI PREMIADA NA BERLINALE
“Amal en Ruta Carballo 2019” estréase mañá co documental “Ghost Hunting”, que recrea a tortura de prisioneiros palestinos nun centro de interrogatorio de Israel
Poderá verse de forma gratuíta a partir das 20:30 horas na Biblioteca Rego da Balsa
Mércores 16 de xaneiro do 2019
"Ghost Hunting"
A Fundación Araguaney-Ponte de Culturas e o Concello de Carballo inauguran mañá xoves, 17 de xaneiro, o ciclo de cinema árabe “Amal en Ruta Carballo 2019”, unha versión resumida da última edición da Semana de Cinema Euroárabe Amal, celebrada en outubro de 2018 en Santiago de Compostela. Proxectarase gratuitamente o documental “Ghost Hunting” ás 20:30 horas na Biblioteca Rego da Balsa.
“Ghost Hunting”. Documental. Raed Andoni / Palestina e Alemaña / 2017/ 98 minutos
Tamén chamada polo seu título orixinal Istiyad Ashbah, “Ghost Hunting” é unha coprodución realizada entre Palestina e Alemaña. Trátase dun documental, rodado en 98 minutos, obra do director palestino Raed Andoni, que se serviu da súa experiencia persoal nun centro de prisioneiros de Israel para finalmente crear unha produción de carácter documental con toques de ficción e experimentación.
O documental conta como, para enfrontar as pantasmas que o obsesionan, Raed Andoni decide construír unha réplica da Al-Moskobiya, principal centro de interrogatorio de Israel onde foi encarcerado aos 18 anos. Axudado por ex recluídos, tenta representar de novo unha historia que tivo lugar tras as paredes do lugar. Reúne a un grupo ecléctico de expresos palestinos para reconstruír o centro de investigación israelí no que foron todos encarcerados. Con todo, como sempre estaban cos ollos vendados, ningún deles sabe como era realmente ese lugar. A cinta recibiu o premio ao mellor documental na Berlinale 2017. Trailer:https://www.youtube.com/watch?v=G1ISOJKX3uw
Raed Andoni naceu en Palestina en 1967. Comezou a súa carreira no cinema como produtor independente en 1998. Foi cofundador de Dar Films e produciu varias películas palestinas: “ Improvisation” (2005), a súa primeira longametraxe, e “ Fix Me” (2009), que se proxectou no Festival de Cinema de Sundance e no Festival de Cannes.