NA PRAZA DO CONCELLO HABERÁ ACTIVIDADES A PARTIR DAS 18.30
Aquí tes a guía para non perderte nada da cabalgata dos Reis Magos
Melchor, Gaspar e Baltasar teñen prevista a súa chegada o sábado ás 17.00 horas ao Centro Comercial Gadis Híper
Xoves 3 de xaneiro do 2019
É moi importante respectar as indicacións de seguridade de Protección Civil e Policía Local
No Concello de Carballo xa o temos todo a punto para recibir a visita anual das Súas Maxestades de Oriente. A súa chegada está prevista para o sábado 5, ás 17.00 horas, ao Centro Comercial Gadis Híper, que colabora un ano máis con 600 quilos de caramelos. Tamén contamos coa axuda de Protección Civil, Policía Local, Brigada Municipal de Obras, Fundación La Caixa (aporta outros 450 quilos de caramelos para repartir durante a cabalgata) e Grupo Dimolk, que cede os coches que transportan as carrozas.
Os Reis chegarán en coches ao Centro Comercial Bergantiños escoltados pola Policía Local e Protección Civil, que serán os encargados de que todo o desfile transcurra con seguridade e tranquilidade, ademais de regular o tráfico ao paso das carrozas. Melchor, Gaspar e Baltasar saudarán aos nenos e nenas antes de iniciar o seu paseo por Carballo.
Todo o que precisas saber para desfrutar da cabalgata sen perderte nada atoparalo a continuación.
HORARIOS
- Chegada ao Centro Comercial Bergantiños Hiper-GADIS: 17.00 h
- Saída do Centro Comercial Bergantiños: 17.30/17.45 h
- Chegada á Praza do Concello: 19.30- 20.00 h (aproximadamente)
ITINERARIO
O percorrido desta ocasión é o mesmo do ano 2018. Saída no aparcamento de CC Bergantiños-Gadis, Avd. Ponte da Pedra, Pedra Furada, Xeranios, Orquídea, Avda. das Flores, Poñente, Luís Calvo, Barcelona, Fomento, Río Anllóns, Río Miño, Compostela, A Brea (parada), Berdillo, Sol, Martín Herrera, Alcalde Jacinto Amigo (parada para ir á igrexa), Desiderio Varela, Gran Vía, Vázquez de Parga, Valle-Inclán e Colón.
ANIMACIÓN
Para facer máis levadeira a espera dos Reis Magos, os nenos e nenas que o desexen poderán desfrutar de obradoiros e de animación de rúa na Praza do Concello a partir das 18.30 h, con actividades e xogos ata a chegada da cabalgata.
ACTO DE RECEPCIÓN DOS REIS
O acto celebrarase na carpa que está instalada diante do Concello, onde poderán esperar os/as nenos/as e as súas familias. Á chegada dos Reis, o alcalde, no nome de todo os cidadáns de Carballo, recibirá e saudará ás Maxestades Reais, que se dirixirán a todos os asistentes.
A continuación, e xa dentro da Casa do Concello, os nenos e nenas poderán achegarse aos Reis e facerlles entrega das cartas en man e realizar as peticións que desexen, e tamén disporán dun buzón real para deixar as súas cartas.
MOI IMPORTANTE! RECOMENDACIÓNS DE SEGURIDADE
- Os distintos servizos encargados da seguridade durante a celebración da Cabalgata dos Reis, Protección Civil e Policia Local, recomendan a todos os pais, nais e asistentes que teñan vixiados en todo momento aos nenos e nenas que acudan a este acto e garden a distancia de seguridade con respecto ás carrozas, e nunca situarse diante das mesmas. Non está permitido achegarse a elas.
- Prégase tamén aos maiores que faciliten aos nenos as primeiras filas e espazos para que os máis cativos poidan ver mellor aos Reis.
- Non se debe subir ao mobiliario urbano nin a varandas que poidan ser inestables e perigosas.
- Advírtese sobre a extrema precaución cos carriños dos bebés, que non sobresaian das liñas do público marcadas polos servizos de seguridade.
- Non se pode invadir a calzada e débese impedir que os menores entren en zonas delimitadas para o desfile.
- Débense respectar en todo momento as indicacións sobre as liñas para o público marcadas polos servizos de seguridade, non recoller caramelos próximos ás carrozas, nin na calzada e non utilizar paraugas para recoller caramelos, xa que suponen un perigo engadido para os máis pequenos.
- En todo momento, débense atender e respectar ás indicacións da organización e servizos de seguridade.
CABALGATAS NAS PARROQUIAS
Día 5
- Artes
- Ardaña
- Berdillo
- Sísamo
- Entrecruces
- Sofán
- Razo
- Cances
Estas cabalgatas están organizadas polas asociacións de cada parroquia e seguirán os itinerarios de anos anteriores.