HOXE ÁS 19 H COÑECEREMOS AS ENTRAÑAS DUN ESPECTÁCULO TEATRAL
Co Obradoiro do Espectador arranca outra semana na que non poderás resistirte á atracción do FIOT
Manuel Lourenzo recollerá o domingo o "Xograr de Outono" como recompensa a toda unha vida de dedicación á escena
Martes 16 de outubro do 2018 Cultura
Hoxe ás 19.00 horas arranca o Obradoiro do Espectador, outra das numerosas propostas do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) para que o público coñeza de primeira man todo o que envolve á arte da escena. Nesta ocasión, Borja Fernández, autor de Salvador: teatro, emigración e memoria familiar, amosaranos as entrañas do proceso de elaboración e documentación do espectáculo que poderemos ver este venres 19 ás 22.30 horas dentro do ciclo OTNI, así coma as bases de creación dun subxénero moi actual, o teatro-documento, no que a dramaturxia se crea a partir de testemuñas ou historias reais. Neste caso, empregou a biografía persoal e familiar, valéndose principalmente de fotografías.
A entrada é de balde.
O venres será un día completo, xa que tamén asistiremos (21.00 horas) á estrea do espectáculo Pss pss, da compañía suíza Baccalà, á que teremos no FIOT tras triunfar en máis de 50 países e gañar quince premios internacionais, incluído o prestixioso galardón do Cirque du Soleil.
Pss pss é unha montaxe chea de creatividade e enxeño que sen palabras transporta ao público á inocencia da infancia. A obra presenta a unha parella de "clowns" cuxos membros sosteñen un duelo xerando situacións ora cómicas ora serias, pero sempre inocentes. Todo canto din, insinúan ou dan a entender os dous actores comunícano a través do idioma universal dos xestos: a arte da mímica, do que Marcel Marceau foi un dos seus máximos expoñentes.
Os protagonistas e creadores de Pss pss son Simone Fassari e Camila Pessi, formados na Escola de Teatro Dimitri (Suíza).
Sábado
Ron Lalá recolleu a fin de semana pasada o Premio do Público 2016
O FIOT seguirá o seu camiño o sábado con dous novos espectáculos do ciclo Metro Cadrado. O primeiro, Antes que nada, de Faunos, representarase no corredor do Pazo da Cultura en varios pases: 13.00, 13.30, 19.00 e 19.30h.
Ás 20h, na galería de arte de Manolo Eirín o público poderá asistir ao espectáculo de danza contemporánea As vacacións máis longas, do bailarín Diego M. Buceta.
O prato forte do sábado (20.30 horas) será a representación no Pazo da Cultura de Iphigenia en Vallecas, de Serena Producciones, protagonizada por María Hervás. A obra versa sobre a vida dunha moza que sobrevive sen recursos e que nin estuda, nin traballa nin sabe que facer coa súa vida.
Domingo
Manuel Lourenzo, Xograr de Outono, na exposición de Xoán López Eirís
O domingo a programación do FIOT ten unha cita especial ás 20.30h no Pazo da Cultura, que acollerá o acto de entrega do Xograr de Outono ao dramaturgo Manuel Lourenzo, en recoñecemento a unha vida dedicada ao teatro.
Inmediatamente despois, tamén no Pazo da Cultura, será escenificada Commedia, de Contraproducións, un espectáculo de humor, acrobacias e música en directo, todo iso trufado de divertidos equívocos e enxeñosos enredos.
O mesmo domingo, no marco do espazo Café con... e ás 19.00h, o director de "Commedia" comparecerá na sala de TV do Pazo da Cultura para intercambiar opinións e impresións cos afeccionados ás artes escénicas e o público en xeral.